Nova: A Xunta pon en marcha a 12ª edición de Cultura no Camiño coa inscrición de artistas e a convocatoria para concellos das rutas xacobeas

20/02/2024

A Xunta pon en marcha a 12ª edición de Cultura no Camiño coa inscrición de artistas e a convocatoria para concellos das rutas xacobeas

Destina 250.000 euros á liña de subvencións para programar espectáculos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xuño e o 31 de agosto

O circuíto mantén como prioridade a dinamización cultural das localidades RURAIS polas que discorren os diferentes Camiños de Santiago, ao tempo que favorece a contratación de formacións artísticas profesionais galegas

A inscrición de espectáculos permanecerá aberta ata o 29 de febreiro mentres que os concellos poderán enviar a súa solicitude ata o 19 de marzo

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia as bases da convocatoria de subvencións para o programa Cultura no Camiño, dirixido ao fomento das artes escénicas e musicais nos concellos galegos polos que discorren as diferentes rutas xacobeas. A iniciativa chega á súa 12ª edición mantendo como prioridade o aumento da oferta cultural das localidades dos Camiños de Santiago e o fomento da contratación de formacións artísticas profesionais con sede en Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén a dotación de 250.000 euros para cofinanciar a contratación de actuacións de teatro, música, danza, novo circo e maxia, en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes do concello solicitante. A Xunta asume ata o 50% do custo dos espectáculos en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha contía máxima de 2500 euros por adxudicación, e ata o 40% nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3500 euros por axuda.

O prazo para a presentación de solicitudes abre este martes, 20 de febreiro, para as entidades locais que desexen programar espectáculos galegos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xuño e o 31 de agosto. Como en edicións anteriores, a súa concesión seguirá o procedemento de concorrencia non competitiva de xeito abreviado, polo que as subvencións outorgaranse por orde de entrada, ben ata a fin do prazo o 19 de marzo, ou ben ata o esgotamento do crédito. Poderán optar a elas tanto os concellos dos Camiños de Santiago a título individual como conxuntamente en forma de agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou similar.

Catálogo de espectáculos

Para configurar a súa programación ao abeiro de Cultura no Camiño 2024, cada entidade subvencionada deberá programar un mínimo de dúas actuacións a partir dun catálogo específico cos espectáculos que se rexistren na convocatoria xa aberta para compañías escénicas e grupos de música profesionais que teñan sede en Galicia. A inscrición de propostas artísticas realízase a través da plataforma galescena.gal e o prazo finaliza o 29 de febreiro.

No verán de 2023, a 11ª edición de Cultura no Camiño desenvolveu un cartel con máis de 300 citas escénicas e musicais distribuídas entre 88 municipios e contribuíuse á contratación de 150 formacións galegas, entre compañías de teatro, danza e novo circo, grupos de música e profesionais da maxia e da narración oral.

 

Comparte