Nova: Rueda destaca o “novo rexurdimento” que vive a cultura galega e que reflicte a liberdade, diversidade e unidade existente en Galicia

08/02/2024

Rueda destaca o “novo rexurdimento” que vive a cultura galega e que reflicte a liberdade, diversidade e unidade existente en Galicia

Yolanda Castaño, Eduardo Pardo de Guevara, a produtora Portocobo, a Banda de Música Unión de Guláns e a compañía circense PistaCatro, entre os galardoados deste ano

Tamén foron recoñecidas as iniciativas Ponte... nas ondas e os cursos de verán Galego sen fronteiras así coma o Museo do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, erixiu hoxe a cultura galega como reflexo da “liberdade, diversidade e unidade” que existe en Galicia, á vez que se amosou convencido que está a vivir un “novo rexurdimento” que está a facer medrar a comunidade.

Durante a gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2023 —celebrada no convento de Santa Clara en Pontevedra, ao que Rueda definiu como “resumo en pedra do que é Galicia—, o mandatario galego puxo en valor a “cultura robusta” coa que conta a Comunidade e á que lle atribuíu a capacidade de xerar unidade e contribuír ao enriquecemento do conxunto da sociedade.

Sobre  as persoas e entidades galardoados nos Premios da Cultura Galega 2023, o presidente da Xunta apuntou o feito de que nas súas figuras, obras, estilos e pensamentos resulta “patente” que a cultura “é sempre un baremo fiel do grado de liberdade do que desfruta un pobo”.

Recoñecementos

En concreto,  presidente destacou a calidade da poesía de Yolanda Castaño, premiada na modalidade de Letras; o labor de investigación de Eduardo Pardo de Guevara sobre os galegos da Idade Media (Patrimonio Cultural) e a lonxevidade da Banda de Música Unión de Guliáns, con 150 anos de vida e que levou o recoñecemento na categoría de Música.

Ademais, salientou que a produtora Portocobo (Audiovisual) é un bo exemplo do “momento de esplendor” que está a vivir o audiovisual galego; o talento do circo de PistaCatro (Artes Escénicas) e o feito de que unha localidade galega como Ribeira acolla o Museo do Gravado á Estampa Dixital (Artes Visuais), que alberga unha das maiores coleccións de gravados de España e Europa.

Rueda tamén enxalzou as dúas iniciativas premiadas e vencelladas ao impulso da lingua e a cultura galegas. Por unha parte, o programa Ponte... nas ondas (modalidade Lingua), recoñecido pola Unesco e que une pontes coa lusofonía e, por outra, os cursos de verán Galego sen fronteiras, premiados na categoría de Proxección Exterior.

Finalmente, o presidente da Xunta puxo en valor o papel dos Premios da Cultura Galega ao longo destes anos. “Se miramos cara a atrás encontrámonos con figuras admirables que deben ser recordadas; se miramos o noso presente atopámonos con protagonistas senlleiros, como os que hoxe recibiron este recoñecemento; e se miramos cara ao futuro, vemos unha cultura inclusiva, pola que todos temos que traballar, e que seguirá a ser sinónimo de benestar, de orgullo, de irmandade e de potencia dun pobo”, concluíu.

Comparte