Nova: A Xunta publica no DOG a convocatoria para modernizar as infraestruturas culturais dos concellos

28/01/2024

A Xunta publica no DOG a convocatoria para modernizar as infraestruturas culturais dos concellos

Esta liña, dotada con medio millón de euros para mellorar espazos e facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura, forma parte do Plan Xeración Cultura

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia vén de abrir a liña de subvencións para que os concellos galegos renoven e modernicen as súas infraestruturas culturais, para o que se destina medio millón de euros.  

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases para sufragar reformas, obras de ampliación ou traballos para mellorar a accesibilidade, así como a adquisición de equipamento e materiais técnicos como material escénico, iluminación e son, e audiovisual, entre outros. A Xunta destina nesta convocatoria 500.000 euros para continuar coa mellora de espazos como bibliotecas, casas da cultura, arquivos ou escolas de música e, así, facilitar o acceso da cidadanía á cultura, independentemente do lugar no que residan.

A axuda máxima por entidade local beneficiaria será de 30.000 euros e poderá ascender a 35.000 euros cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais ou entidades resultantes dunha fusión. Outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e os interesados deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, tendo ata o 23 de febreiro.

Esta iniciativa forma parte do Plan Xeración Cultura da Xunta de Galicia. As axudas para mellorar as infraestruturas culturais enmárcanse nun dos eixos do plan, orientado á preservación e protección do legado cultural e aposta pola modernización das infraestruturas culturais con distintas liñas de apoio. 

 

Comparte