Nova: A compañía de danza de Fran Sieira prepara a estrea do espectáculo Ceibe que produce co apoio da Xunta

26/01/2024

A compañía de danza de Fran Sieira prepara a estrea do espectáculo Ceibe que produce co apoio da Xunta

A peza é o resultado dunha investigación que reflexiona sobre os roles de xénero no baile tradicional e experimenta con novas linguaxes de danza máis inclusivas

Tras a súa primeira función o vindeiro 2 de marzo en Cangas, esta nova proposta coreográfica chegará á Rede Galega de Teatros e Auditorios a partir de abril con representacións en Ames, Vilagarcía de Arousa, Narón e Lugo

 

Ribeira (A Coruña), 26 de xaneiro de 2024 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou hoxe no Auditorio de Ribeira os ensaios de Ceibe, a nova produción na que está a traballar Fran Sieira Cía. de Danza co apoio das subvencións á creación escénica da Xunta de Galicia, que hoxe mesmo fixo pública a convocatoria correspondente a 2024. O espectáculo ten programada a súa estrea o vindeiro 2 de marzo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas, tras a que emprenderá unha xira durante a que, a partir de abril, chegará tamén á Rede Galega de Teatros e Auditorios, con representacións en Ames, Vilagarcía de Arousa, Narón e Lugo.

O representante da Consellería de Cultura asistiu a un pase de mostra do espectáculo en proceso de creación, dentro do traballo en residencia no que se está a desenvolver esta nova proposta, xurdida como continuación da peza curta Neutrx, coa que Fran Sieira comezou a indagar en 2022 sobre o xénero e as súas formas de operar en diferentes ámbitos do cotiá.

Ceibe propón un ambicioso camiño de investigación no que se cuestionan as identidades de xénero, normativas e hexemónicas, do baile tradicional galego, experimentando con danzas do noso folclore para crear unha nova linguaxe máis inclusiva, afastada dos estereotipos que asignan distintos modos de bailar a cada un dos roles tradicionais.

A peza, de 60 minutos de duración, conta cun corpo de baile de nove intérpretes, entre os que figuran Aida Tarrío, do grupo Tanxugueiras, e Martín Mondragón, do proxecto Mondra, xunto a Adela Otero, André Adrio, Artur Pastoriza, Cristina Canosa, Xosé Adrao Casal Sío, María Montero e Patricia Sánchez.

Repertorio tradicional e vangarda electrónica

Conta, ademais, coa codirección artística do propio Fran Sieira e Sergio R. Suárez, con Laura R. Iturralde no deseño do espazo escénico e con Ërica Oubiña na creación do vestiario. MounQup e Carlos Quintá asinan a música dun espectáculo que transitará desde o repertorio tradicional á vangarda electrónica. Na creación do espazo sonoro, Isaac Millán emprega sons en directo como respiracións, arrastres e agarres, convertendo o propio movemento do corpo nun conxunto sonoro que ambientará a posta en escena.

Ceibe chega logo de que DeMente, a anterior produción de Fran Sieira e que aínda se mantén en repertorio, se convertese nun dos éxitos recentes da danza galega, con 31 representacións dentro e fóra de Galicia e sete candidaturas aos Premios Max en 2022.

Comparte