Nova: Román Rodríguez destaca o papel das asociacións de Amigos do Camiño de Santiago na construción da mellor Galicia da nosa historia contemporánea

14/12/2023

Román Rodríguez destaca o papel das asociacións de Amigos do Camiño de Santiago na construción da mellor Galicia da nosa historia contemporánea

Reciben o recoñecemento as asociacións da Santa Cruz de Cuenca, de Río Grande do Sul, mentres que o profesor Paolo Caucci obtivo a mención especial

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe no CGAC na entrega dos XXIV Premios Elías Valiña que nesta edición recaeron nas asociacións de amigos do Camiño de Santiago da Santa Cruz de Cuenca e de Río Grande do Sul de Brasil. Pola súa banda, o profesor Paolo Caucci obtivo unha mención especial.

O responsable autonómico de Cultura subliñou o papel destas entidades “na construción da mellor Galicia da nosa historia contemporánea”. Así mesmo, destacou o labor que levan a cabo para que cada itinerario sexa “máis universal, aberto e dialogante”. “De cara á celebración do vindeiro Xacobeo 2027, a cooperación de asociacións como as galardoadas hoxe é vital para seguir facendo do Camiño de Santiago a experiencia cultural máis importante do continente europeo”, afirmou.

Sobre os premiados, o representante da Xunta de Galicia gabou a tarefa de “revitalización, defensa, conservación e investigación” feita pola asociación de Cuenca sobre os Camiños que percorreu Fray Francisco de la Cruz, así como o seu labor para atender a todos os peregrinos a través do voluntariado social. No caso da asociación de Río Grande do Sul, o conselleiro puxo en valor o traballo feito por esta entidade para divulgar a figura do Apóstolo Santiago e asesorar a futuros peregrinos tanto en Brasil como en todo o continente latinoamericano.

Tamén tivo palabras para o italiano Paolo Caucci, ao que se referiu como “un dos maiores estudosos da Ruta Xacobea” que ten contribuído á promoción do Camiño de Santiago como itinerario cultural no Consello Europeo. “Todos vostedes deixan claro que os principios do xacobeo transcenden fronteiras e se converten en guías para calquera época e lugar”, engadiu.

 

Comparte