Nova: Román Rodríguez anuncia un investimento de 1,4 M€ para a musealización da Catedral de Tui

20/10/2023

Román Rodríguez anuncia un investimento de 1,4 M€ para a musealización da Catedral de Tui

“Isto supón un novo paso no noso compromiso para revalorizar o patrimonio dun dos principais templos do Camiño Portugués de cara o seu 800 aniversario en 2025”, indica

Xa están en marcha os primeiros traballos centrados na restauración dos conxuntos escultóricos pétreos e das esculturas de madeira policromada do retablo e o coro

Nas vindeiras semanas iniciarase a recolocación das pezas singulares que están dispersas polo conxunto catedralicio e, a principios de 2024, está previsto licitar a museografía e a restauración do Paseo de Ronda

As actuacións, incluídas no Plan Catedrais 2021/2027, amplían as obras rematadas no Pazo Episcopal esta semana

 

Tui (Pontevedra), 20 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia vai destinar 1,4M€ para mellorar a visita cultural á Catedral de Tui. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita xunto ao bispo da Diocese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro, na que avanzou que xa están en marcha os primeiros traballos, centrados na restauración de diferentes elementos escultóricos.

Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, estas actuacións están incluídas no Plan Catedrais, que prevé unha achega global de 9,4M€ neste ben co horizonte de 2027, e dan continuidade ás obras rematadas no Pazo Episcopal esta mesma semana. “Trátase dunha folla de ruta estratéxica que temos en marcha con máis de 60 actuacións nos grandes templos catedralicios para que afronten a década xacobea nas mellores condicións”, explicou Román Rodríguez.

Neste senso, o conselleiro engadiu que as intervencións van permitir “revalorizar a impulsar de xeito patrimonial o papel dun dos principais templos do Camiño Portugués e da provincia de Pontevedra que ten no seu pórtico unha das primeiras manifestacións do gótico da historia de Galicia” de cara o seu 800 aniversario, que se celebrará no ano 2025. “O noso obxectivo agora é mellorar a visita cultural ao incorporar un museo renovado e adaptado aos novos tempos tanto no seu discurso como nas súas condicións”, precisou.

Así, tras completar as obras no Pazo Episcopal cun investimento de 675.460 euros asociados á iniciativa do 1,5% cultural para mellorar a accesibilidade e rehabilitar as cubertas e a edificación co fin de adaptalo a usos museísticos, a Xunta de Galicia pon agora en marcha un novo proxecto destinado a desenvolver actuacións de restauración, adecuación e acondicionamento para mellorar a visita catedral do conxunto catedralicio.

Actuación previstas

Actualmente está en marcha a restauración dos conxuntos escultóricos pétreos e das esculturas de madeira policromada do antigo retablo e do coro da Catedral de Tui. Esta previsto que estas primeiras tarefas conclúan antes de que remate o ano e que tamén nas vindeiras semanas se inicie a recolocación de diferentes pezas singulares que están dispersas polo conxunto catedralicio.

A continuación, a comezos do ano 2024, tras a supervisión dos proxectos que están actualmente en redacción, iniciaranse os trámites para licitar tanto as obras de conservación e restauración do Paseo de Ronda como a museografía, definindo de maneira detallada os percorridos da visita ao templo, o claustro e a espazos adxacentes como o antigo Pazo Episcopal, os xardíns ou o Paseo de Ronda.

Comparte