Nova: A Xunta presenta un dicionario bilingüe galego-italiano en liña co gallo do día europeo das linguas

25/09/2023

A Xunta presenta un dicionario bilingüe galego-italiano en liña co gallo do día europeo das linguas

Pioneiro no seu campo, está realizado polo Centro Ramón Piñeiro coa catedrática emérita da USC, Isabel González

Cun lemario de 20.000 entradas e está dispoñible desde hoxe na web do Centro Ramón Piñeiro, dependente da Xunta

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do Dicionario galego-italiano Galita, o primeiro dicionario bilingüe en liña que permite a conversión directa entre estas dúas linguas románicas impulsado desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, órgano dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Un proxecto pioneiro dentro da lexicografía contrastiva que, baixo a dirección da catedrática emérita da Universidade de Santiago de Compostela Isabel González, “facilita a difusión do galego máis aló das súas fronteiras como canle divulgadora da nosa cultura e da nosa fala”, sinalou Valentín García.

No acto de presentación, que tivo lugar no Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro, tamén participaron a propia Isabel González, Armando Requeixo, secretario do dito centro e, a través de videoconferencia, Manuel González González, coordinador científico do Ramón Piñeiro.

Tradución directa do galego ao italiano

O Dicionario galego-italiano Galita é o segundo volume do Dicionario italiano-galego, elaborado en formato papel polo Centro Ramón Piñeiro no ano 2000 con preto de 15.000 palabras e que agora pode descargarse desde a páxina web do centro investigador en formato PDF. Este segundo volume, cun lemario de 20.000 entradas e dispoñible desde hoxe na páxina web do Centro Ramón Piñeiro, aparece agora no formato en liña para acadar unha maior divulgación e mellorar as buscas, proporcionando unha ferramenta axeitada para un público o máis amplo posible grazas á difusión que a información acada a través de internet.

Programa de investigación IGALEX

Ambos os dous dicionarios forman parte do programa de investigación IGALEX, que baixo a dirección e coordinación de Isabel González, abrangue outros proxectos de orientación lexicográfica, como vocabularios de linguas de especialidade que poñen en contacto o galego e o italiano en sectores concretos tales como o turismo ou as belas artes.

Ao mesmo tempo, IGALEX realiza tarefas de asesoramento lingüístico para institucións e empresas do ámbito galego e contribúe á formación de estudantes de grao e mestrado desde a perspectiva da lingüística e lexicografía italogalegas.

Día Europeo das Linguas

Esta presentación enmárcase na programación do Goberno galego para o Día Europeo das Linguas, celebrado cada 26 de setembro desde o ano 2001. Unha efeméride que lembra a importancia e mais a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultura e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas.

Neste senso, a Xunta prepara para mañá un recitado multilingüe que terá lugar ás 20,00 horas nos soportais do Museo das Peregrinacións, onde un grupo de estudantes do instituto IES Arcebisbo Xelmírez I lerán poemas en distintos idiomas europeos e os traducirán ao galego.

 

Comparte