Nova: A Xunta inicia os traballos para restaurar a entrada monumental ao xacemento de Penas do Castelo, na Pobra do Brollón
20/09/2023
A Xunta inicia os traballos para restaurar a entrada monumental ao xacemento de Penas do Castelo, na Pobra do Brollón
As últimas campañas, que suman 50.800 euros de investimento, modificaron por completo a visión do conxunto e descubriron que estivo habitado desde a Idade do Ferro
Os traballos, en colaboración co Concello da Pobra de Brollón, centraranse na escavación e acondicionamento do sector leste do xacemento, nunha área dun máximo de 150 m2,, onde se constatou a existencia dunha entrada composta por dúas portas, a primeira de pequenas dimensións e a segunda de maior envergadura.
A Xunta investiu desde o 2021 un total de 50.800 euros en distintas intervencións que permitiron modificar por completo a visión que se tiña do xacemento, considerado tradicionalmente de época medieval e que en realidade resultou ser un lugar ocupado e habitado a partir do século IX antes da nosa era –na Idade do Ferro- e que presenta unhas magníficas defensas.
O tramo documentado da muralla defensiva destaca tamén pola súa monumentalidade, cunha anchura duns 6 metros e unha altura conservada duns 4 metros, construída coa técnica da “pedra seca”, sen ningún tipo de argamasa.
Na campaña do ano pasado constatouse definitivamente a existencia da entrada ao recinto que agora se vai consolidar con esta nova actuación.