Nova: O Sonrías Baixas celebra o seu 20º aniversario co apoio da Xunta para un cartel cunha vintena de concertos
01/08/2023
O Sonrías Baixas celebra o seu 20º aniversario co apoio da Xunta para un cartel cunha vintena de concertos
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación do encontro, que se desenvolve do xoves 3 a sábado 5 en Bueu con Natos y Waor, La Pegatina e Macaco como cabezas de cartel
Ortiga e Pili Pampín, Grande Amore, Lamontagne & PicoAmperio ou Lamatumbá son parte da representación galega nesta programación
O evento conta coa implicación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través das axudas á organización de festivais e do patrocinio dun dos escenarios baixo marca FEST Galicia
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación desta vixésima edición do SonRías Baixas xunto aos directores do festival, Berta Domínguez e Jordi Lauren, e aos representantes municipais, provinciais e do resto de entidades colaboradoras.
O representante da Xunta de Galicia iniciou a súa intervención felicitando a organización por 20 anos de “brillante traxectoria”. Aplaudiu, ademais, o cartel deste ano, que demostra a “indiscutible consolidación” do SonRías Baixas como unha das grandes citas do circuíto de festivais galegos.
Nesta liña, destacou “tanto a variedade como a calidade” da edición deste encontro que volve integrarse, así mesmo, baixo a marca FEST Galicia. Con esta iniciativa, o Goberno galego difunde a nosa Comunidade como lugar de referencia no ámbito musical a través de eventos de calidade nas vertentes da oferta artística, así como da profesionalidade na xestión e mais da sustentabilidade.
Tres días, dous escenarios
Así, o compromiso da Xunta coa 20ª edición do SonRías Baixas complétase co patrocinio, baixo a citada marca FEST Galicia, dun dos dous escenarios que acollerán as actuacións do evento, que neste verán se suma á axenda cultural global de máis de 2500 actividades que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a impulsar baixo o lema A cultura de Galicia é un CulturON.
O espazo FEST Galicia albergará os concertos de 12 formacións. Este xoves 3 de agosto recibirá a partir das 20,30 h a 30s40s50s, Boikot e Lendakaris Muertos, mentres que o venres os protagonistas serán Queralt Lahoz, Natos y Waor, Tremenda Jauría e Muyayo Rif. O sábado, neste mesmo escenario actuarán Arde Bogotá, La Pegatina, Macaco, Dubioza Kolecktiv e o Ninhodelosrecaos DJ, quen se encargará coa súa sesión de lle pór o colofón a este vinte aniversario.
O cartel complétase coas bandas Samuraï, Santa Salut, ETS, La Ganga Calé, Lia Kali e voces destacadas da nosa música como Lamontagne & PicoAmperio ou Grande Amore, Ortiga & Pili Pampín ou Lamatumbá. A este apartado, cómpre sumarlle o trío Cool Nenas, que conta coas galegas Mariagrep e Dani entre as súas integrantes.