Nova: A Xunta colabora cunha decena de galerías de arte en feiras e mercados nacionais e internacionais

24/06/2023

A Xunta colabora cunha decena de galerías de arte en feiras e mercados nacionais e internacionais

Promoverase a asistencia a unha quincena de eventos e recibirán unha axuda de ata 4.000€ no Plan Xeración Cultura para a proxección exterior e internacionalización

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia colaborará cunha decena de galerías de arte na súa participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade galega. Tal e como se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), promóvese a asistencia a unha quincena de eventos en Andalucía, Madrid, Corea do Sur, Francia, Italia, Francia, Portugal e Reino Unido.

No caso de que a asistencia sexa a feiras celebradas en España, pero fóra de Galicia, os beneficiarios recibirán un máximo de 2.000 euros, mentres que a axuda será de 4.000€ se se trata de eventos internacionais. Outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva.

As axudas enmárcanse no compromiso do Goberno galego por fomentar a internacionalización da cultura galega ao abeiro do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta coa que a Xunta está contribuíndo a achegar a cultura a todas as persoas en todo o territorio e a modernizar as estruturas empresarias e de creación. O plan inclúe dentro dos seus cinco eixos de traballo un específico sobre proxección exterior con medidas novas e xa consolidadas como estas.

Beneficiarias

Nesta convocatoria son beneficiarias as galerías de Santiago de Compostela: Nordés, que participou en Arco Madrid e tamén viaxará a Italia para asistir a Artissima en Turín; Luisa Pita, que estivo en Arco Madrid e en outubro volverá á capital para acudir a Estampa Madrid; Metro, que visitou Madrid para participar en Arco e en Justmad; DeFimeras, que asistiu á Feira Andaluza de Arte y Cultura, e Trinta, que asistiu á feira Uvnt de Madrid e en outubro estará en Portugal na Drawing Room de Lisboa.

 

Tamén se inclúen dúas galerías da Coruña: Vilaseco, que asistiu a Arco Madrid, e MoretArt que participou en ArtMadrid. En Vigo, pola súa banda, colabórase coas galerías Pm8, que no último trimestre do ano ten previsto participar na Frieze London 2023 de Reino Unido e na Paris Art Basel de Francia; Art Cuestion de Ourense que acaba de estar na Art3f Lille de Francia e que en agosto participará na Bankartfair de Corea do Sur, e La Doce de Boiro, que en febreiro acudiu á Hybrid Art Fair de Madrid.

Comparte