Nova: A cultura galega celebra 438 actuacións musicais e escénicas en 20 países co apoio da Xunta

10/06/2023

A cultura galega celebra 438 actuacións musicais e escénicas en 20 países co apoio da Xunta

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades adxudícalles 460.000 € a 50 artistas, empresas e formacións nas axudas á distribución enmarcadas do Plan Xeración Cultura

Ainé Producións, Carlos Núñez, Luar na Lubre, Redrum Teatro, Títeres Cachirulo, Diego Anido ou Baiuca atópanse entre os adxudicatarios

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia vén de adxudicar 460.000 euros en subvencións á distribución cultural para cofinanciar os gastos asumidos por 50 empresas dos sectores das artes escénicas e musicais na celebración de 438 actuacións en Galicia e no resto de España, así como tamén as súas xiras polo estranxeiro, en liña cos eixos de actuación do Plan Xeración Cultura aprobado para este ano 2023. Deste cómputo global, 299 responden a representacións escénicas e as 139 restantes, a concertos.

As contías adxudicadas en tres quendas, e cuxas resolucións poden consultarse na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, están a permitir que diferentes compañías escénicas e formación musicais visiten ao longo deste ano 20 países para amosar a súa creatividade no exterior. Alemaña, Luxemburgo, Francia, Portugal, Polonia, Estonia, Lituania e Eslovenia son os destinos dentro da Unión Europea, mentres que as saídas a América Latina se reparten entre Chile, Brasil, Colombia, Uruguai, Ecuador, Cuba, Arxentina, México e Costa Rica. Na relación de países, atopamos tamén fóra do territorio comunitario Reino Unido, Canadá e Cabo Verde.   

A Xunta de Galicia tamén fomenta a través das subvencións a presenza de 24 empresas tanto en festivais como en feiras profesionais fóra da Comunidade galega. Deste xeito, promóvese a exhibición da creatividade do noso tecido cultural en citas musicais tan destacadas como o Celtic Connections de Glasgow, o Babel Music de Marsella, The Great Escape de Brighton ou o Internationale Kulturbörse de Freiburg. En canto ás artes escénicas, estase a facilitar a concorrencia de compañías teatrais en citas clave do circuito estatal como son Fetén-Xixón ou Madferia e festivais internacionais como o Forum Maia ou o Festival Internacional de Teatro Manizales

De Carlos Núñez a Diego Anido

O Goberno galego impulsa tamén así a difusión e comercialización da creación artística galega tanto dentro como fóra de Galicia. Achéganse, por exemplo, 25.000 euros para sufragar os gastos das 17 actuacións da xira de Carlos Núñez, incluídas os concertos ofrecidos polo multiinstrumentista vigués en Luxemburgo e Francia. Cunha cifra moi semellante, 24.800 euros, apóiase a xira do 20º aniversario da banda Dakidarría, cuxa lista de concertos se reparte entre España e América Latina e que inclúe citas tan destacadas como o Viña Rock e o Festival Skatex de Texcoco (México).

A xira internacional de Luar na Lubre recibe unha achega de 15.000 euros para emprender sete concertos en países como Cabo Verde, Uruguai e Arxentina. Pola súa banda, Xabier Díaz conta con 11.000 euros para continuar a presentarlle ao público de Lisboa, Barcelona e Madrid o seu último disco, As catedrais silenciadas, e preto de 3.000 euros para visitar Uruguai e Arxentina. A Xunta de Galicia colabora a través das axudas ás actividades de distribución para industrias culturais tamén cos concertos no exterior de grupos tan destacados do panorama musical galego como son Ses, Baiuca, Mercedes Peón, Festicultores ou Sumrrá.

No ámbito das artes escénicas, Ainé Producións recibe 20.000 euros para continuar coa xira de Fariña con nove funcións en Albacete, Murcia, Alacante, Almería, Salamanca ou Badaxoz. Cifra moi semellante percibe Títeres Cachirulo para desenvolver 76 funcións, das cales 53 recalan no exterior. O actor Diego Anido conta cunha achega de máis de 5.000 euros para xirar co seu espectáculo El Dios del Pop con 10 funcións repartidas en escenarios de Madrid, Valencia, Cáceres ou Bilbao.

Outros nomes da escena galega que se atopan na listaxe de beneficiarios son PistaCatro, A Quinta do Cuadrante, Cámara Negra ou a compañía de danza de Fran Sieira, que consegue 22.000 euros para afrontar os gastos da súa participación co espectáculo Demente en citas como a Feira Fetén, a Fira Mediterránia de Manresa ou o Festival Internacional de Medellín.

Dentro da modalidade de distribución dentro de Galicia, Sarabela Teatro conta co apoio da Xunta para Arraianos, adaptación do clásico de Méndez Ferrín que é beneficiaria nestas subvencións con 13.000 euros para funcións en seis municipios. Nesta mesma categoría, Redrum Teatro acadou máis de 14.000 euros para percorrer 10 concellos da Comunidade, mentres que Producións Teatráis Excéntricas conta con 11.400 para as súas trece funcións.

 

Comparte