Nova: A Xunta loa o papel do Certame de Poesía do concello de Carral para fortalecer o talento literario galego
09/06/2023
A Xunta loa o papel do Certame de Poesía do concello de Carral para fortalecer o talento literario galego
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na entrega do premio da XXVI edición a Ciro Fernández Briones por ‘Oídos de espeóloga’
Tamén se presenta o libro ‘Trono e caléndula’, de Carlos Penela, gañador da edición do ano pasado que vén de ser publicado co apoio do Goberno autonómico
Carral (A Coruña), 9 de xuño de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na entrega do premio da XXVI edición do Certame de Poesía do Concello de Carral, onde loou a capacidade desta cita para fortalecer “o gran talento literario galego” e, en concreto, contribuír “a divulgar o gran futuro da poesía escrita en galego”
Durante a súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo de manifesto “a cantidade de autores que este certame viu apoiando nas súas 26 edicións e o interese que suscita, como demostra que nesta última edición se rexistrase un récord de participación con 90 obras presentadas”.
Felicitou ao gañador deste ano, o poeta Cito Fernández Briones, que coa súa obra Oídos de espeleóloga foi valorado polo xurado pola súa coherencia, ritmo, coidado da linguaxe e harmonía verbal. Nacido na Pobra do Caramiñal no 1996, xa conta con galardóns como os de poesía e de ensaio da Universidade de Vigo no 2020, o 1º premio de poesía Xuventude Crea da Xunta de Galicia nas súas edicións do 2020 e 2022 e o 2º premio do XXIII Certame de Poesía Díaz Jácome (2022).
No acto tamén se presentou a obra gañadora da anterior edición, Trono e caléndula de Carlos Penela, que foi editada co apoio da Xunta de Galicia. Completouse co recital poético e musical Os puntos de impacto, creado por Álex Mene e Margarida Mariño a partir do poemario do mesmo título que gañou o certame no ano 2021.