Nova: A Xunta colaborará coa Federación de Cineclubs para desenvolver 18 ciclos e semanas de cine

06/05/2023

A Xunta colaborará coa Federación de Cineclubs para desenvolver 18 ciclos e semanas de cine

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Feciga, Manuel Precedo, asinan un convenio anual por importe de 30.000 euros

O obxectivo é contribuír ao mantemento dunha programación cinematográfica estable e de calidade, impulsando o labor de creación de públicos destas asociacións

As actividades desenvólvense en cineclubs de 13 localidades, ademais de se estender aos Encontros de Cinema que se celebran estes días en Viana do Castelo

 

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente da Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga), Manuel Precedo, asinaron o convenio de colaboración mediante o que a Xunta renova o seu compromiso anual con este colectivo para o mantemento dunha programación cinematográfica estable e de calidade. A oferta de 2023 desenvólvese arredor de 18 ciclos e semanas de cine en 13 cineclubs doutras tantas localidades galegas, ademais de se estender aos 23º Encontros de Cinema que se están a celebrar estes días na cidade portuguesa de Viana do Castelo.

Alí, a Federación participa na organización do Premio PrimeirOlhar, sección competitiva que ten lugar esta fin de semana como plataforma para a promoción do cinema documental realizado polo alumnado de escolas de cinema e de comunicación audiovisual de Galicia, Portugal, Brasil e outros países de fala portuguesa.

Segundo recolle o acordo, a colaboración da Xunta materialízase nunha achega de 30.000 euros, a través da que se contribúe á organización e coordinación de 12 ciclos e seis semanas de cine, estruturados arredor dunha temática concreta ou con carácter temporal, a través dos que se reforza o labor dos cineclubs galegos na difusión e creación de públicos para o cinema, ademais de como alternativa e complemento ao circuíto comercial.

Participan nesta programación os cineclubs Groucho Marx do Barco de Valdeorras, Bueu, Cangas, Os Papeiros de Chantada, O Carballiño, Poleiro de Goián (Tomiño), Valle Inclán de Lugo, Serie B de Narón, Val Miñor Alice Guy de Nigrán, Padre Feijoo de Ourense, Pontevedra, Lumiére de Vigo e Adega de Vilagarcía de Arousa.

 

Comparte