Nova: A Xunta participa na presentación en TUI da 19ª edición do festival internacional Play-Doc
21/04/2023
A Xunta participa na presentación en TUI da 19ª edición do festival internacional Play-Doc
Tui (Pontevedra), 21 de abril de 2023 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación en Tui da programación do Play-Doc International Film Festival, que celebra a súa 19ª edición do 26 de abril ao 1 de maio consolidado como evento de referencia na difusión do xénero documental a nivel estatal.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades situouno nun lugar destacado dentro do panorama galego de certames audiovisuais, de moita calidade e variedade en canto á súa especialización. A este tipo de eventos, considerados estratéxicos para o sector, diríxese unha convocatoria anual de subvencións da Xunta, que nestes momentos se atopa en proceso de resolución e da que o festival tudense vén sendo adxudicatario nos últimos anos. A colaboración co Play-Doc canalízase tamén a través da Filmoteca de Galicia, onde entre maio e xuño poderán verse moitas das propostas exhibidas en Tui.