Nova: O Museo da Historia e a biblioteca de Valga estrean instalacións renovadas grazas a un investimento de 90.000€ da Xunta
03/04/2023
O Museo da Historia e a biblioteca de Valga estrean instalacións renovadas grazas a un investimento de 90.000€ da Xunta
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salienta o compromiso do Goberno galego co reforzo dos servizos culturais á disposición dos cidadáns
Valga (Pontevedra), 3 de abril de 2023 O Concello de Valga vén de renovar dúas das súas instalacións culturais máis emblemáticas, o Museo da Historia e a súa biblioteca municipal, ao abeiro dun investimento de 90.000 euros por parte da Xunta de Galicia.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta tarde ambas dependencias, onde puxo de manifesto a aposta do Goberno galego polo reforzo dos servizos culturais “abertos a toda a cidadanía” con liñas de apoio específicas por parte do seu departamento como é o caso de Valga.
A través dun convenio de colaboración co concello, a Xunta achegou un total de 80.000 euros para actuacións de mellora nos edificios do Museo da Historia de Valga e na súa biblioteca municipal. A maiores, o museo recibiu este ano unha axuda de 10.000€ ao abeiro da liña de axudas a centros museísticos, para o reforzo da súa colección museográfica e para a realización de contidos audiovisuais e cartelas indentificativas da súa colección permanente. Ambas actuacións alíñanse nos seus obxectivos co eixo do Plan Xeración Cultura centrado na mellora da infraestruturas culturais e na conservación e divulgación do legado patrimonial.
O Museo da Historia de Valga, que se puxo en marcha en 2015, conta con cinco salas expositivas, tres delas dedicadas a persoeiros ilustres como Xesús Ferro Couselo ou o Padre Isorna. As outras dúas están dedicadas á artista Bella Otero.
Co apoio da Xunta, púidose levar a cabo a ampliación destas salas, dotándoas de contidos complementarios aos xa existentes. Ademais instaláronse novos sistemas de iluminación que permiten adecuar a intensidade lumínica a cada peza.
No caso da biblioteca municipal de Valga, integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia, o investimento da Xunta permitiu crear unha nova sala de consultas, lectura, estudo, traballos escolares ou de investigación. Trátase dun recinto deseñado como espazo multifuncional de xeito que, en ocasións puntuais, tamén serva para o desenvolvemento de actividades culturais como obradoiros literarios ou contacontos infantís.
A maiores tamén se dotou dunha zona de almacén destinado ao almacenaxe de novos fondos pendentes de catalogación ou doutros de consulta ou préstamo que, pola súa antigüidade, requiran dun tratamento máis exclusivo. A actuación incluíu a dotación de mobiliario como mesas de traballo, cadeiras, librarías e estantes.