Nova: Román Rodríguez reivindica o valor literario dos Irmáns Camba na inauguración da nova exposición da Casa-Museo en Vilanova de Arousa

03/04/2023

Román Rodríguez reivindica o valor literario dos Irmáns Camba na inauguración da nova exposición da Casa-Museo en Vilanova de Arousa

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita a mostra renovada polo Concello a través dun convenio de colaboración coa Xunta de case 55.000€ para incorporar as últimas doazóns de libros, cartas, fotografías e documentos persoais

O novo relato expositivo inclúe obras, artigos e pezas de Julio e Francisco Camba e unha recreación da casa na que naceron

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 3 de abril de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe a Casa-Museo Irmáns Camba, en Vilanova de Arousa, onde o Concello vén de renovar a exposición a través dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia. Trátase dun acordo dotado con case 55.000€ que se asinou no marco do 60 aniversario do falecemento de Julio Camba e que permite incorporar ao relato expositivo as últimas doazóns de libros, cartas, fotografías e documentos persoais dos irmáns Camba feitas pola familia Pombo.

No transcurso da visita, o responsable autonómico de Cultura, acompañado polo director xeral desta área, Anxo M. Lorenzo, reivindicou o valor literario dos irmáns Camba e destacou o papel que tivo Galicia e Vilanova de Arousa na súa obra. “Aínda que ambos pasaron os últimos anos da súa vida en Madrid a historia destes dous irmáns non se pode entender sen a súa vinculación con esta vila”, afirmou.

Neste senso, explicou que as doazóns recibidas polo Concello van permitir incrementar o coñecemento sobre estas dúas figuras literarias ao incorporar ao relato expositivo un importante número de elementos documentais. En concreto, trátase de 68 libros da biblioteca persoal dos irmáns Camba, así como revistas, cartas e tarxetas postais manuscritas, fotografías e outros documentos persoais pertencentes principalmente a Julio Camba, pero tamén ao seu irmán e aos seus pais.

Situado no barrio de Vilamaior, o edificio que acolle este museo é un exemplo típico da arquitectura civil galega, con escaleira de patín e escudo nobiliario na fachada. A que foi a casa natal de Julio e Francisco Camba acolle unha exposición permanente das primeiras edicións obras, artigos e fotografías destes dous irmáns, que destacaron no mundo das letras e o xornalismo.

 

Comparte