Nova: Román Rodríguez destaca a importancia do novo museo de Monterroso para divulgar a actividade comercial de Galicia no antigo réxime
29/03/2023
Román Rodríguez destaca a importancia do novo museo de Monterroso para divulgar a actividade comercial de Galicia no antigo réxime
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o novo recurso do concello lugués creado co apoio da Xunta a través dunha achega de 200.000 €
O centro conta con espazo para exposición permanente, mostras temáticas, almacén e obradoiro e albergar as pezas doadas polo crego Carlos Méndez
Monterroso (Lugo), 29 de marzo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o novo museo de Monterroso cuxa creación foi impulsada pola Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración coa Administración local dotado con 200.000 €.
Tal e como salientou o responsable autonómico de Cultura, en virtude desta colaboración o concello lugués “incorpora un novo recurso cultural que enriquece a oferta do seu municipio ao tempo que se divulga a actividade comercial de Galicia no Antigo Réxime”. Ademais, segundo explicou, o centro permitirá expoñer e poñer en valor as pezas doadas polo crego Carlos Méndez e crear un Centro de Interpretación da Feira de Monterroso.
Así, o novo museo alberga restos históricos de diferentes épocas, algúns prehistóricos e outros atribuíbles a diferentes etapas e movementos artísticos, e de moi diferentes temáticas, como culinaria, espiritual, festiva, artística ou documental, entre outras. Este novo proxecto expositivo está pensado para todos os públicos, incluíndo tamén os investigadores que poderán estudar pezas singulares de distintas épocas, así como visitantes e peregrinos do Camiño Francés, coa intención de dinamizar a súa experiencia.
Situado no antigo centro de saúde, o centro dispón de tres andares que permiten unha exposición permanente, exposicións temáticas, almacén, obradoiro de restauración e intervención das pezas que o necesiten ou un arquivo documental.