Nova: Román Rodríguez sitúa Galicia no epicentro dunha industria audiovisual en auxe da man de producións como a temporada 2 de Operación Marea Negra

15/02/2023

Román Rodríguez sitúa Galicia no epicentro dunha industria audiovisual en auxe da man de producións como a temporada 2 de Operación Marea Negra

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades asistiu esta tarde en Santiago á presentación da nova entrega da serie, producida por Ficción para Prime Video e rodada en Galicia con subvención do Hub Audiovisual da Xunta

Referiuse aos recentes éxitos dos profesionais galegos nos Goya ou ás seleccións de ‘Matria’, ‘Sica’ e ‘Samsara’ na Berlinale para contextualizar o bo momento creativo e empresarial que vive o sector na nosa Comunidade

O actor chileno Jorge López, no papel protagonista, e os galegos Luis Zahera, Diego Anido e Manuel Manquiña tamén interviñeron neste acto en representación do reparto que dirixiron Daniel Calparsoro e Igor Legarreta

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou hoxe o auxe que está a vivir o audiovisual galego como reflexo dunha industria con “talento creativo, solvencia empresarial, capacidade de xestión e calidade artística”. Así o expresou na presentación en Santiago da segunda temporada de Operación Marea Negra, a serie de Ficción Produciones para Prime Video e rodada en Galicia co apoio do Hub Audiovisual da Xunta.

O titular de Cultura, Educación, FP e Universidades do Goberno galego referiuse aos recentes recoñecementos cinematográficos a profesionais galegos, como os premios Goya ao actor Luis Zahera, ao director e ilustrador Alberto Vázquez e ao guionista Fran Araújo, ademais de ás seleccións de Matria, Sica e Samsara na Berlinale ou ás múltiples series galegas que poden verse nas plataformas, para contextualizar este bo momento dun sector “clave da nosa cultura e da nosa economía”.

Subliñou, así mesmo, o compromiso da Xunta por contribuír a afianzar a industria audiovisual galega, “cada vez más competitiva, máis diversa e con maior proxección internacional”, tanto a través do programa anual de axudas do departamento de Industrias Culturais como dos fondos europeos canalizados polo Hub.

Subvención de preto de 350.000 euros

Detívose especialmente neste último programa, que supón un investimento de 9,6M€ entre os anos 2021 e 2023, para destacar entre as súas medidas a creación do fondo para a atracción de rodaxes, a través do que Ficción Produciones recibiu unha subvención de preto de 350.000 euros para a filmación de Operación Marea Negra. Temporada 2 en diferentes localizacións da ría de Arousa, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, cun equipo maioritariamente galego.

Xunto co conselleiro, asistiron ao acto celebrado no Salón Teatro o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; os produtores executivos Mamen Quintas e Julio Casal, de Ficción Produciones, e Ricardo Carbonero, de Prime Video; Xosé Pereira, da CRTVG, así como unha nutrida representación do elenco co seu protagonista, Jorge López, e os galegos Luis Zahera, Diego Anido, Manuel Manquiña, Melania Cruz, Xosé Barato, Dani Trillo, Miquel Insua ou Josito Porto, entre outros.

Román Rodríguez felicitounos persoalmente polo seu traballo nesta segunda temporada, da que se proxectou a continuación o seu primeiro episodio. A nova entrega de Operación Marea Negra pode verse xa en Prime Video, dándolle así continuidade á serie estreada hai pouco máis dun ano sobre o caso real do primeiro narcosubmarino interceptado en Europa. Daniel Calparsoro volve asumir a dirección xunto a Igor Legarreta.

Desta volta, Ficción Producciones asóciase coa compañía portuguesa Lightbox Comunicaçao Audiovisual para coproducir os novos episodios, nos que Jorge López, coñecido do gran público polas súas interpretacións nas series Élite e Now and Then, asume o papel de Nando. O protagonista atópase agora en prisión, dous anos despois dos sucesos relatados na primeira temporada, emprendendo a súa transición por un camiño cheo de traizóns, dobres xogos e o fráxil equilibrio entre o legal e o ilegal.

 

Comparte