Nova: A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece a estrea en Santiago do espectáculo Hamelin, producido por Redrum con subvención da Xunta

15/02/2023

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece a estrea en Santiago do espectáculo Hamelin, producido por Redrum con subvención da Xunta

O director de Industrias Culturais participa na presentación da nova proposta da compañía compostelá, que poderá verse no Teatro Principal o xoves 23 e o venres 24

A compañía recibiu unha axuda autonómica de preto de 59.000 euros a través da convocatoria para creación escénica de 2022

Alex Sampayo dirixe e adapta esta obra de Juan Mayorga sobre os abusos na infancia, que interpretan Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023 Redrum Teatro estrea a vindeira semana en Santiago de Compostela o seu décimo sexto espectáculo, Hamelin, que representará o xoves 23 e o venres 24 dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Principal. Trátase, ademais, dunha das 28 montaxes subvencionadas pola Xunta de Galicia a través da súa convocatoria de 2022 para a posta en marcha novos proxectos de creación escénica.

Así o explicou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culurais, Jacobo Sutil, na presentación destas primeiras representacións públicas de Hamelin, dirixida por Alex Sampayo a partir da premiada obra de Juan Mayorga, quen ten confirmada a súa asistencia á función do día 24. Ademais da axuda de preto de 59.000 euros para a súa produción, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe tamén á súa chegada ao público a través da devandita rede autonómica, na que tras as funcións de estrea visitará Cangas (4 de marzo), Pontevedra (9 de marzo) e Lugo (20 de abril). O espectáculo poderá verse, así mesmo, na Illa de Arousa, onde levou a cabo parte dos seus ensaios, Teo e Verín.

Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu conforman o elenco que levará a escena esta obra orixinal de Juan Mayorga, a partir da adaptación de Alex Sampayo, na que se abordan os abusos na infancia. Completan o equipo Laura Míguez como axudante de dirección, Carlos Álvarez-Ossorio como responsable do deseño de iluminación e Fernando Epelde como encargado do espazo sonoro.

Premio Max ao mellor autor teatral

Esta será a segunda adaptación de Redrum Teatro dun texto de Mayorga, Premio Princesa de Asturias das Letras en 2022, do que a compañía xa levou ás táboas O mozo da última fila. Neste caso, Sampayo decantouse pola obra coa que este dramaturgo foi recoñecido en 2005 co Premio Max ao mellor autor teatral.

As entradas para as dúas representacións de Santiago poden adquirirse a través da plataforma www.compostelacultura.gal e na Zona C (Praza de Cervantes) de martes a sábado, no seu horario habitual.

Outras estreas na rede

Neste primeiro semestre do ano, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrécelle ao público compostelán unha escolma da máis actual produción teatral galega da man das sete compañías que actúan no Teatro Principal dentro deste circuíto autonómico de espectáculos, cofinanciado pola Xunta de Galicia e 40 entidades locais asociadas. Así, o escenario santiagués acolleu xa a estrea de Pussy Cake, de Matarile Teatro con dirección e dramaturxia visual de Baltasar Patiño, así como as representacións de Vox Populi, de Malasombra, e Pirolíticos, de Mofa & Befa.

Completan a próxima carteleira do Teatro Principal dentro da Rede, O péndulo, de Inversa Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego, o 3 e 4 de marzo; a estrea de Códice-K, na que Ainé Producións se achega á historia do roubo do Códice Calixtino, os días 24 e 25 de marzo, e Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, o 12 e 13 de maio.

 

Comparte