Nova: A Xunta renova o acordo coa Federación de Cineclubs para ofrecer proxeccións todo o ano en 13 localidades

27/01/2023

A Xunta renova o acordo coa Federación de Cineclubs para ofrecer proxeccións todo o ano en 13 localidades

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o presidente da Federación de Cineclubs de Galicia (Feciga), Manuel Precedo, mantiveron unha reunión na que acordaron renovar o convenio de colaboración entre as dúas entidades para continuar a garantir a proxección de películas durante todo o ano nas 13 localidades onte teñen as súas sedes os espazos membros deste colectivo.

Serán 30.000 euros os que se disporán desde a Xunta para que esta asociación sen ánimo de lucro, que traballa desde hai case que 40 anos a prol da cultura cinematográfica en xeral e con especial atención á defensa e apoio á produción galega, poida seguir ofrecendo as súas carteleiras de ciclos e semanas de cinema nos cineclubs Pontevedra, Lumière de Vigo, Adega de Vilagarcía de Arousa, Cangas, Poleiro de Goián, Bueu, Padre Feijoo de Ourense, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, A Lanterna de Viana do Bolo, Valle-Inclán de Lugo, Val Miñor e Os Papeiros de Chantada. A este apoio súmase a colaboración que desde a Filmoteca de Galicia tamén se lles presta a catro destas pantallas (as situadas nas cidades de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), a través da cesión dunha serie de filmes de cada temporada.

Comparte