Nova: O CGAC prepara a programación do seu 30 aniversario tras pechar 2022 con case 50.000 visitas, un 30% máis

23/01/2023

O CGAC prepara a programación do seu 30 aniversario tras pechar 2022 con case 50.000 visitas, un 30% máis

Consolídase a reactivación pospandemia no último ano, cando se organizaron 14 exposicións e máis de 200 actividades e a adquisición de novas obras

 

 Estase a traballar nas accións conmemorativas que se organizarán este 2023, para o que a Consellería de Cultura incrementa un 5% o orzamento

 

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión do Consello Asesor do CGAC, que este ano conmemora o seu 30 aniversario. No encontro fíxose balance da súa actividade tras pechar 2022 con 49.150 visitantes, un 30% máis que o ano pasado, o que supón consolidar a súa recuperación pospandemia.

Organizáronse 14 exposicións e máis de 200 actividades, entre simposios, visitas organizadas, presentacións de libros, retrospectivas cinematográficas ou talleres expositivos. Entre as mostras expositivas destacaron, entre outras, O museo como escenario; Narelle Jubelin. Nalgures; Suso Fandiño. Wunderkammer; Camiños III; Claudio Zulian. Vidas ou Raniero Fernández. O Arquivo.

Ademais das exposicións e da actividade que lle achegan ese carácter de centro dinámico e multidisciplinar, o CGAC tamén destaca pola súa colección permanente, que medrou tamén o ano pasado. Desde a súa creación, atesora máis de 1.300 pezas de artistas galegos e internacionais, portugueses e latinoamericanos. O último ano adquiríronse 26 obras máis para a súa colección.

No encontro avanzouse tamén sobre as distintas accións conmemorativas que se organizarán con motivo da programación do seu 30 aniversario durante este 2023, no que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades incrementa o orzamento para o CGAC un 4,8%. Incluiranse exposicións, congresos, xornadas e distintos espectáculos. 

Comparte