Nova: A Xunta lanza un novo programa de fomento da cultura científica que reunirá ata xuño en Santiago reputados divulgadores na materia

15/01/2023

A Xunta lanza un novo programa de fomento da cultura científica que reunirá ata xuño en Santiago reputados divulgadores na materia



Baixo o título ‘Ciencia parece pero non é’, este xoves 19 comeza un ciclo de charlas coa catedrática en Psicoloxía Experimental Helena Matute, que falará sobre diversos aspectos da psicoloxía das intelixencias artificiais

Dirixidas a docentes e público xeral, celebraranse na Cidade da Cultura e poderán seguirse tamén vía streaming na canle de Youtube de Educación

Tamén participarán Ramón Nogueras, José Ramón Alonso, Fernando Blanco, Joaquín Sevilla, Juan Pérez Iglesias, Néstor Marqués ou Panayiota Kendeou e abordarán, entre outros temas, a interpretación de estudos científicos ou a desinformación

 

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia pon en marcha  un novo programa de fomento da cultura científica, Ciencia parece pero non é, no que recoñecidos divulgadores achegarán claves sobre diferentes aspectos da ciencia e a tecnoloxía de xeito entretido a través de charlas dirixidas a todos os públicos, especialmente do eido educativo, para estimular o pensamento crítico.

A primeira será este xoves 19 de xaneiro coa participación de Helena Matute, experta no funcionamento da mente humana e como afecta a tecnoloxía desde o punto de vista psicolóxico. É catedrática en Psicoloxía Experimental pola Universidade de Deusto, onde dirixe o Laboratorio de Psicoloxía Experimental. Impartirá a charla Nesgos cognitivos en humanos e intelixencias artificiais. O 25 de xaneiro participará o psicólogo e profesor Ramón Nogueras co relatorio Que facer cando os marcianos non veñen salvarte, onde abordará, entre outros temas, como reaccionamos as persoas cando nos amosan probas contrarias a algo no que cremos ou do que estamos convencidos.  

O programa, do que se están a pechar os relatorios de xuño, está dirixido a docentes e público en xeral. As charlas celebraranse ás 18,00 horas no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Tamén se poderán seguir vía streaming no perfil de Youtube da Consellería de Educación.  

Pensamento crítico

En febreiro, o día 2 será a quenda do neurocientífico e catedrático da Universidade de Salamanca José Ramón Alonso que impartirá a charla A importancia de divulgar ciencia. Conferenciante convidado en universidades de España, Alemaña, Suecia, Dinamarca, Colombia, Turquía, Chile, Bolivia e Estados Unidos, José Ramón Alonso ten publicado máis de 160 artigos de investigación en neurociencias e dirixido preto dunha vintena de teses doutorais na materia. É, ademais, un exitoso autor de libros de divulgación científica e ven de ser recoñecido co Premio Europeo de Divulgación Científica.

En marzo, o doutor en Psicoloxía pola Universidade de Deusto Fernando Blanco abordará o día 2 as precaucións á hora de interpretar as conclusións de estudos científicos no relatorio É máis crible a prensa científica que o telediario? Bulos, esaxeracións e desinformación nas noticias científicas. O 15 de marzo, o doutor en Física Aplicada pola Universidade Autónoma de Madrid Joaquín Sevilla e o biólogo e catedrático de Fisioloxía na Universidade do País Vasco Juan Pérez Iglesias impartirán a charla Os males da (divulgación) da ciencia acrítica. 

En abril, o día 19, Néstor Marqués, arqueólogo e historiador, falará da longa tradición das fake news (noticias falsas). Destacado divulgador cun papel moi activo a través das redes sociais, Néstor Marqués desenvolveu as súas investigacións en diversos campos do coñecemento do mundo antigo e tamén traballa para achegar coñecemento teórico e práctico nos campos da difusión cultural e a tecnoloxía aplicada ao patrimonio. O 11 de maio, a profesora de Psicoloxía da Universidade de Minnesota Panayiota Kendeou, experta en desinformación, falará da importancia de educar no pensamento científico nas escolas desde educación infantil e primeiros cursos de primaria. 

O ciclo de charlas completaranse cunha publicación que recollerá diversos aspectos destacados dos relatorios e que será distribuída nos centros educativos e bibliotecas de Galicia e estará aberta ao público na Libraría Institucional da Xunta de cara a finais de curso.

 

 

DATA

RELATOR

19 de xaneiro

Helena Matute: Nesgos cognitivos en humanos e intelixencias artificiais

25 de xaneiro

Ramón Nogueras: Que facer cando os marcianos non veñen salvarte

2 de febreiro

José Ramón Alonso: A importancia de divulgar ciencia

2 de marzo

Fernando Blanco Bregón: É máis crible a prensa científica que o telediario? Bulos, esaxeracións e desinformación nas noticias científicas

15 de marzo

Joaquín Sevilla Moróder e Juan I. Pérez Iglesias: Os males da (divulgación) da ciencia acrítica.

19 de abril

Néstor Marqués: Fake news da antiga Roma

11 de maio

Panayiota Kendeou: Misinformation, disinformation and fake news

 

 

 

Comparte