O Museo, creado en 1969, está emprazado no casco histórico de Ribadavia, no edificio coñecido como Pazo de Baamonde ou Casa da Fundación. Integran os seus fondos coleccións etnográficas de diferentes comarcas da provincia de Ourense, así como un relevante número de utensilios e apeiros da cultura vitivinícola, moi importante na zona.
Destaca a súa biblioteca especializada en antropoloxía e historia, con varios legados -Sánchez Orriols, Rubén G. Álvarez, Meruéndano, Abrente, Emilio G. Fernández...-, e con fondos documentais sobre o viño, o cinema e o teatro. Cómpre salientar asemade o fondo de documentación oral etnohistórica configurado mediante investigación de campo.