Resumo das principais liñas de actividade realizadas o pasado ano desde a Consellería de Cultura e Educación nos ámbitos da cultura.
A chegada a Galicia do Pergamiño Vindel e toda a programación creada ao seu redor; a incoación como BIC da Ribeira Sacra como paisaxe cultural e o impulso da candidatura das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas para a súa declaración como patrimonio da humanidade; ou a celebración de figuras do mundo da arte e as letras como Maruja Mallo, Álvaro Negro, Carlos Casares ou Eduardo Pondal foron algúns dos fitos de 2017.
Ademais, co fin de garantir o acceso da cidadanía a uns servizos e a unha oferta cultural de calidade e diversa que cheguen a todo o territorio, en 2017 imprimíuselles un novo impulso ás redes de distribución de espectáculos da Agadic; a programacións coma Cultura no Camiño, coa participación de máis de 150 compañías e grupos galegos; ás liñas de axudas para certames e festivais de carácter afeccionado; ás subvencións para a mellora de equipamento cultural ou ás iniciativas apoiadas para favorecer unha participación efectiva na cultura daqueles colectivos con necesidades especiais.
Nestas páxinas resúmense as programacións e actuacións nos diferentes sectores, desde a plástica ás artes escénicas, dos diversos centros da consellería, desde a Cidade da Cultura de Galicia ao Museo do Castro de Viladonga.