"Lugo no tempo" é a terceira das mostras que se poñen en marcha no marco do proxecto Cidades no tempo, que contempla unha exposición en cada unha das sete principais urbes galegas. Santiago e Ferrol foron as primeiras protagonistas dunha proposta que continúa o seu percorrido co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia.
A iniciativa está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación (Obra Social ABANCA), en cuxas sedes se localizan as exposicións.
"Lugo no tempo" explora a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio nunha cidade que representa un dos mellores casos de convivencia e integración de culturas e costumes: o campo e a cidade, a influencia galaica e a romana. Dende distintas perspectivas como son a economía, a creación artística, a estética urbanística, o entretemento e a memoria, a mostra afonda nunha urbe que foi medrando sempre marcada pola presenza da muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e sen perder nunca a escala humana da relación entre a súa veciñanza.
A mostra fai un percorrido por unha urbe que soubo conservar a esencia dos seus valores antigos e adaptalos á modernidade. A evolución do burgo medieval, os grandes cambios urbanísticos de finais do século XIX e o despegue do século XX aparecen reflectidos a través dunha escolma documental e de obxectos históricos que nos trasladan a momentos e espazos decisivos da cidade. Atopamos referencias ao seu papel como capital agrogandeira, ás súas celebracións emblemáticas, como o San Froilán e o Arde Lucus, dende unha perspectiva antropolóxica, ou á súa relevancia na identidade histórica de Galicia.
Para facer esta incursión en Lugo, a proposta válese dunha combinación de materiais físicos e tecnoloxías interactivas, con planos, mapas, obxectos de alta cultura e cotiáns cunha gran carga simbólica, obras de arte, fotografías e publicacións.
Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta exposición conta co asesoramento, como coordinadora local, da escritora Marica Campo.
Do 28 de marzo ao 27 de maio de 2023
- Horarios: de luns a venres de 17.30 a 20.30 h | sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h [domingos pechado]
- Localización: Sede Afundación Lugo (Praza Maior 16)
- Entrada: de balde
- Organiza: Xunta de Galicia
- Colabora: Afundación
Información práctica
- Visitas comentadas: sábado 15 de abril ás 17.30 h | venres 12 de maio ás 19.00 h | É preciso inscribirse no tlf. 982 289 096
- www.afundacion.org