Ledicia Costas

Ledicia Costas (Vigo, 1979) é avogada, aínda que hai anos que dedica á literatura todo o seu tempo, pois estreouse como autora sendo moi nova coa publicación da novela xuvenil Unha estrela no vento (2000).

Desde entón e ata hoxe, no eido da narrativa infantoxuvenil ten publicado O corazón de Xúpiter (2012) ―Premio AELG―, Recinto gris (2014), Inmundicia e Roñoso (2015) e, sobre todo, Escarlatina, a cociñeira defunta (2014), libro co que gañou primeiramente o Premio Merlín e logo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, amais do unánime recoñecemento de público e crítica e a súa inclusión na lista de honra do IBBY. Recentemente apareceu Esmeraldina, a pequena defunta (2016), na mesma liña de terror amable e divertido que o libro protagonizado por Escarlatina.

Baixo o acrónimo Pereledi, asinou diversas obras co tamén narrador Pere Tobaruela nas que a intriga e a fantasía son ingredientes fundamentais: Desaparizión (2011), Mortos de Ningures (2011), Letras de xeo (2012) e Ouro negro (2012). Aínda por saír está Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante, historia coa que obtivo o prestixioso Premio Lazarillo en 2015.

No eido da prosa para todas as idades publicou o libro de relatos Un animal chamado néboa (2015), narracións nas que a dura vivencia da guerra e as súas lacerantes consecuencias crean sobrecolledoras atmosferas de anguria e soidade.

Complementariamente a este seu quefacer como narradora, Costas tamén é habitual en palestras e xornadas sobre literatura e ten recitado os seus versos nos máis variados espazos. Dende hai algo máis dun ano codirixe Criaturas, unha das revistas sobre literatura infantoxuvenil máis importantes de Galicia.