Fina Casalderrey

Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951) é unha das escritoras máis importantes da historia da literatura infantoxuvenil galega. Mestra, diplomada en Lingua e Literatura e membro da Real Academia Galega, a súa é unha traxectoria fértil coma poucas e chea de recoñecementos.

Autora de máis de medio cento de títulos, algúns dos libros que publicou ao longo destes últimos cinco lustros convertéronse en obras referenciais que se reeditan e extractan unha e outra vez. É o caso de Dúas bágoas por máquina (1992) ―Premio Merlín―, O misterio dos fillos de Lúa (1995) ―Premio O Barco de Vapor e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil―, O estanque dos parrulos pobres (1996) ―Premio Edebé de Literatura Infantil― ou A lagoa das nenas mudas (2007) ―Premio Frei Martín Sarmiento―, entre moitas outras.

Traducida a máis dunha ducia de idiomas, incluído o braille, ten desenvolvido tamén un destacado labor no eido do fomento da lectura e a renovación pedagóxica do Ensino, amais de promover o teatro escolar e a investigación etnográfica no ámbito educativo.

Estas facetas compleméntase coa dedicación ao mundo da gastronomía, para o que asinou obras moi populares en todas as cociñas galegas como O libro da empanada (1993), Festas gastronómicas de Galicia (1994) ou Repostería en Galicia (1997) ―Premio Álvaro Cunqueiro de Periodismo Gastronómico.

Nos últimos anos a séptima arte gañou a súa atención e froito desta querenza son os guións das curtametraxes Garuda (2010), Dúas letras (2011) —distinguida en varios festivais— e mais Querido Tomás (2013), pola que obtivo o premio á mellor actriz no Festival Independente de Braga (Portugal) no 2014. Na mesma liña, escribiu e dirixiu a curta A última moeda (2016), historia de intenso lirismo e protagonismo infantil.

Nominada ao Premio Astrid Lindgren e incluída nas prestixiosas listas White Ravens e Outstanding Books, recibiu tamén a Medalla Castelao (2003) e o Premio da Cultura Galega (2015), distincións que espellan a excelencia do conxunto da súa obra.

Datos de contacto