Evento: Entroido de Cobres
Entroido de Cobres
As orixes do Entroido desta parroquia situada na ría de Vigo remóntanse ata o século XVIII. Aquí, madamas e galáns (mulleres e homes vestidos de branco) e aldeáns representan distintas posicións económicas e roles sociais, tanto mediante as súas vestimentas como pola posición que ocupan nos pases, bailes e exhibicións. Madamas e galáns, moi rechamantes polos seus suntuosos sombreiros e a súa pulcra vestimenta, ocupan a posición social máis elevada, mentres que os aldeáns representan o último elo da cadea e o grupo maioritario. Todos, iso si, van neste Entroido a cara descuberta.
De sábado a martes, durante todo o día as madamas e galáns percorren distintos lugares das parroquias, acompañados por unha charanga, e agasallan aos presentes cos seus bailes, entre eles a popular Danza de Cobres.
O día grande é o martes, cando pola tarde teñen lugar antigos xogos populares, como o da corrida do galo –con rituais cargados de simbolismo–, o galo no río ou o galo na vara, nos que participa toda a mocidade do lugar.
Destacado
Corrida do galo e xogos populares, o Martes de Entroido.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular