Evento: O porco de pé

O porco de pé
venres, 1 abril, 2022 - 20:00
Teatro Principal de Ourense,
Ourense

O porco de pé

Espectáculo de teatro.

O Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a sua superioridade sobre os seres humanos.
O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que, na infancia, nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais. Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo.
Vai para cen anos, Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapéus a confundirse cos propios burgueses. A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabarete, ten hoxe mais vixencia que nunca. Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán como nunha linterna máxica, anarquistas, esportistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vanguardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas.
Producións Teatrais Excéntricas inventa, para reinventar este retrato de NÓS, un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón. Para dar vida á galería zoolóxica contamos con tres fenómenos: Patricia Vázquez, Victor Mosqueira e Evaristo Calvo. Na plástica, o fantástico Carlos Alonso, no mundo sonoro, o ventrílocuo Piti Sanz, na luz, o acrobata Octavio Mas, e na dramaturxia a besta das duas cabezas: Pepe Sendón e Quico Cadaval.

Máis eventos de tipo Espectáculo

Ecoralia, a lambona ecolóxica
10 de xaneiro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
A maxia dos libros
24 de xaneiro
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
Periplo atlántico
30 de xaneiro
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
Universo Verso
21 de marzo
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés