Evento: Exposición 'Envíame unha postal'
Exposición 'Envíame unha postal'
O Arquivo Histórico Provincial de Lugo expón ata o vindeiro 18 de marzo unha selección dos 348 negativos para postais da empresa García Garrabella que custodia nas súas instalacións e forman parte dos fondos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. A mostra 'Envíame unha postal' fai un percorrido polas fotografías tomadas por Luis García Garrabella nas décadas dos 40 e 50 do século XX a paisaxes e monumentos de varias poboacións das provincias de Lugo e A Coruña.
O fondo de negativos en vidro e en acetato da empresa García Garrabella y Compañía (unha das casas editoras de postais máis prolíficas dos anos 60 e 70) foron adquiridos pola Consellería a Jerónimo Gilabert, en representación de Martínez Santolaya,S.L., entre 2004 e 2007, xunto con outro lote de negativos de Arribas. No ano 2017 foron catalogados e dixitalizados e están a disposición da cidadanía en Galiciana, Patrimonio Dixital de Galicia, o portal de difusión dos recursos patrimoniais dixitalizados da cultura galega.
Enmárcase no traballo da Xunta para consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e facilitar os seu acceso universal na rede. Para a construción desta Memoria Dixital apostouse polas sinerxías e modelos colaborativos entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural coa intención de acadar o maior nivel de catalogación, preservación e difusión, independentemente da súa ubicación ou propiedade.