Evento: Vestindo a época. Paul Poiret. O revolucionario

Vestindo a época. Paul Poiret. O revolucionario
mércores, 24 febreiro, 2021 - 19:00
Centro Galego de Arte Contemporánea,
Santiago de Compostela

Vestindo a época. Paul Poiret. O revolucionario

Curso que ofrece unha reflexión sobre as orixes da moda a finais do século XIX e comezos do século XX.

O presente curso ofrece unha reflexión sobre as orixes da moda a finais do século XIX e comezos do século XX. Con esta premisa analizaremos a súa contextualización histórica, semiótica e social, e as súas relacións con outras disciplinas artísticas como a literatura e a arte. Como apuntaba Emilia Pardo Bazán na súa obra Cuarenta días en la exposición, “A moda non é algo arbitrario. Por iso merece considerarse como unha importante manifestación social e artística”.

O curso céntrase no período da belle époque. Unha etapa de grandes cambios no rol social e cultural da muller, feito que necesariamente repercutiría na súa indumentaria. Os facedores desa nova muller foron os grandes couturiers parisienses, que liberaron as mulleres de corpiños e outras ataduras para permitirlles gozar dunha mobilidade ata entón recortada e limitada. Isto traerá consigo novas ansias de cambio social.

Analizaremos a importancia de modistas e casas de moda como Charles Frederick Worth, Jeanne Paquin, Félix, Callot Soeurs ou Paul Poiret, impulsores de novas dinámicas no vestir que aínda hoxe en día son revisitadas e recuperadas. Revisaremos, así mesmo, a presenza da moda en obras literarias de autores como Benito Galdós, Émile Zola ou Emilia Pardo Bazán. Constataremos a interacción entre moda e arte a través de personalidades como Sorolla, Singer Sargent ou Madrazo. Veremos como ambas as disciplinas manteñen un diálogo permanente, que se consolida a través do tempo desde estes primeiros pasos da moda e se prolonga ata a actualidade. Estudaremos os primeiros mecanismos publicitarios da moda: revistas, fashion films, desfiles… Analizaremos a figura das fashion victims do momento (actrices como Sarah Berharndt, a emperatriz Eugenia de Montijo...) e os seus posibles modelos literarios (María de la Espina Porcel en La quimera, Fortunata en Fortunata y Jacinta…). Procuraremos responder, en definitiva, a pregunta que se expón Enrique Gómez Carrillo na súa obra Psicología de la moda femenina: “Non é seica a moda unha arte, igual que a poesía, o mesmo que a escultura?”. Talvez é a arte por excelencia e por preexcelencia.

Máis eventos de tipo Obradoiro

“Estudar é + doado se sabes COMO” (6ª Sesión)
31 de outubro
Biblioteca Pública de Lugo
Obradoiro de Halloween
31 de outubro
Biblioteca Pública de Lugo
Investigación de mensaxes secretas
31 de outubro
Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola
20251105_cartel_cualedro
A muller na ciencia
5 de novembro
CEIP Vicente Risco