Evento: Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas

Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas
sábado, 7 novembro, 2020 a sábado, 28 novembro, 2020
Varios espazos
, Santiago de Compostela

Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas

O obxectivo é sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de empregar o galego na literatura científica

A Biblioteca de Galicia, as bibliotecas públicas da Coruña Miguel González Garcés, de Lugo, de Ourense Nós, de Pontevedra Antonio Odriozola, de Santiago Ánxel Casal e de Vigo Juan Compañel serán os espazos nos que se desenvolvan as actividades programadas. Todas elas estarán adaptadas ás restricións por mor da covid e respectaranse todas as medidas de seguridade.

A programación inclúe actividades para todos os públicos e todas as idades, desde contacontos para pequenos de 3 a 8 anos e obradoiros creativos para nenos a partir de 6 anos ata representacións teatrais para toda a familia, pasando por talleres de selfie para aprender a sacarlle partido á cámara do teléfono móbil, máis dirixidos a un público adolescente. Así mesmo, celebraranse faladoiros de ciencia centrados, fundamentalmente, no público adulto. Durante este mes, as bibliotecas tamén destacarán a súa bibliografía científica, en especial a dirixida a un público infantil e xuvenil.

 

Bibliotecas escolares
No caso das bibliotecas escolares, estimularase nelas a celebración de proxectos e iniciativas de divulgación científica. A asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería pon ao dispor dos centros un portal cunha selección de materiais relacionados coa ciencia en galego, así como unha selección de libros de divulgación científica publicados en galego e moi demandados desde as bibliotecas dos centros educativos para poder cubrir as necesidades informativas do alumnado e apoiar os seus traballos de investigación.

A maiores, na web #bescolaresgalAbertas pode consultarse unha escolma de traballos realizados pola comunidade educativa desde a casa no último trimestre do curso pasado, onde poden atoparse retos matemáticos, titoriais para facer experimentos caseiros, información científica sobre a covid-19, ou recomendacións de aplicacións para crear contidos audiovisuais ou podcasts de radio con contidos científicos vinculados ao programa Radio na Biblio.

Ademais, a Consellería vén de publicar a resolución dos centros participantes neste curso 2020/21 no programa Biblioteca Creativa que apoia a introdución, dentro da biblioteca escolar, dun espazo de creación e experimentación para a introdución do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de pequenos robots, os Escornabots. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo.

Máis eventos de tipo Obradoiro

Oferta obradoiros Museo Massó
Obradoiros ofertados polo Museo Massó
1 de xullo a 30 de decembro
Museo Massó
Aerodanza
1 de outubro a 28 de maio
Espacio +60
Zumba
2 de outubro a 27 de maio
Espacio +60