Evento: X Encontro de Artistas Novos: #EAN10

X Encontro de Artistas Novos: #EAN10
domingo, 23 agosto, 2020 a xoves, 27 agosto, 2020
Evento online,
Santiago de Compostela

X Encontro de Artistas Novos: #EAN10

Espazo de encontro no que os creadores terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos

No contexto actual de crise mundial producida pola COVID-19, o Encontro de Artistas Novos quere seguir a apostar por apoiar o traballo de creadores emerxentes. A Cidade da Cultura de Galicia converterase por décimo ano consecutivo nun espazo de encontro no que os creadores terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecementos e ideas con outros axentes culturais.

Será no X Encontro de Artistas Novos, #EAN10, que se celebrará do 23 ao 27 de agosto de 2020  coordinado unha edición máis por Rafael Doctor. Como novidade neste ano, e de xeito excepcional, a participación no programa estará circunscrita a artistas nados e/ou residentes en Galicia, decisión tomada para, no contexto de incerteza e alerta sanitaria, minimizar no posible longos desprazamentos. Con todo, o EAN non perderá a súa cerna, na que está favorecer a convivencia entre os participantes, ademais de poñelos en contacto con outros axentes do sector como críticos, comisarios ou art followers. 

Nesta edición, o EAN traerá ao Gaiás catro figuras de recoñecida traxectoria como son Paula Rubio Infante, Chelo Matesanz, Oliver Laxe e Carlos Aires, que compartirán as súas experiencias e reflexións ao redor da arte. Os participantes convivirán tamén con tres observadores ou art followers que, desde o eido curatorial ou do xornalismo cultural, apoian os novos creadores e procuran estar ao corrente das novidades do mundo da arte emerxente. Serán Javier Díaz-Guardiola, Eduardo Valiña e Semíramis González. Cada un dos participantes no EAN realizará unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

Como participar

O X Encontro de Artistas Novos conta cun total de corenta prazas ás que poden optar profesionais nados entre 1985 e 2002 –ambos inclusive–, estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns, ou que demostren unha traxectoria ou proxecto artístico. Seguindo a senda iniciada no V EAN, dez das 40 prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos, que deberán reunir os mesmos requisitos que os demais candidatos. Con esta proposta, o EAN busca formular un diálogo con artistas doutras xeracións nun proceso creativo aberto. 

A consecución dunha praza no EAN inclúe matrícula de inscrición, estancia en réxime de pensión completa, transportes diarios desde Santiago ata a Cidade da Cultura e transportes para as visitas aos centros de arte. O X Encontro de Artistas Novos está organizado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e enmárcase na programación do Xacobeo 21 e no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego.

As persoas interesadas deben enviar a documentación requerida nas bases de participación ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org antes das 15:00 horas do venres 3 de xullo de 2020. Poden consultarse as bases da convocatoria, o procedemento e boletín de inscrición no apartado de descargas ao pé desta mesma páxina. A documentación, así como calquera consulta sobre o procedemento deberá tamén dirixirse ao email: encontro@cidadedacultura.org.

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Toponimízate 2025
28 de xullo
Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira
Toponimízate 2025
12 de setembro
Museo do Mar
Toponimízate 2025
19 de setembro
Auditorio Municipal
Toponimízate 2025
26 de setembro
Casa do Concello