Evento: Festa da Androlla e o Entroido de Viana do Bolo

Festa da Androlla e o Entroido de Viana do Bolo
xoves, 5 febreiro, 2026 a mércores, 18 febreiro, 2026
Varios espazos,
Viana do Bolo

Festa da Androlla e o Entroido de Viana do Bolo

Festa de interese turístico

A androlla é un embutido típico da comarca de Viana, que se fai en tripa gorda, afumada como un chourizo, e reenchida de costela de porco tallada e adobada con carne, todo sazonado con sal, pemento doce e picante e un pouco de allo. Necesita afumarse durante dez días e secarse durante uns dous meses antes de estar lista para cociñar.
O Domingo de Entroido, este produto elaborado con carne de porco é o produto estrela da xornada en Viana do Bolo e son moitas as persoas que acoden a degustala, acompañada de cachelos e de grelos, en medio do ambiente festivo propio do Entroido, un dos máis orixinais da provincia de Ourense.
Aquí a personaxe típica é o “boteiro” que, coa súa máscara de madeira de cor negra rematada por unha pantalla con armazón de arame recuberta de tiras de papel de seda de cores e os seus saltos, garda reminiscencias de culturas exóticas. Rechamante tamén polo colorido das fitas de tea que cobren a súa camisa, que forman debuxos xeométricos ou florais, o “boteiro” é o encargado de abrir paso aos folións e manter a orde da comparsa. Moi respectado polo público, cos seus movementos ten a habilidade de facer que as chocas do seu cinto, de distintos tons, soen como é axeitado en cada momento.

Para non perderse:
Desfiles de folións, acompañados polos “boteiros”.

Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

Belén Electrónico
20 de decembro a 31 de xaneiro
Begonte (San Pedro)
Festa do San Brais de Bembrive
9 de xaneiro a 3 de febreiro
Varios espazos
Entroido dos Xenerais do Ulla
17 de xaneiro a 22 de febreiro
Concellos de A Estrada, Silleda, Vila de Cruces Boqueixón, Teo, Touro, Vedra
Entroido de Laza
23 de xaneiro a 22 de febreiro
Varios espazos