Evento: Festa da Arribada da Carabela Pinta

Festa da Arribada da Carabela Pinta
venres, 1 marzo, 2024 a domingo, 3 marzo, 2024
Varios espazos,
Baiona

Festa da Arribada da Carabela Pinta

Festa de Interés Turístico.

A vila de Baiona foi o primeiro lugar do Vello Continente en coñecer a existencia dun novo mundo. En 1493 desembarcou nela Martín Pinzón, ao mando da carabela Pinta, coa noticia da existencia doutro mundo e as probas que o corroboraban. En recordo daquel feito histórico, todos os anos ten lugar na praia unha dramatización que comeza co desembarco de Pinzón e a súa maltreita tripulación, cun par de indíxenas traídos das novas terras e produtos alimenticios descoñecidos ata entón nestas latitudes que darían credibilidade ás fabulosas novas do acompañante de Colón naquela xesta.

Baiona enteira vístese ao estilo medieval. A zona portuaria e as rúas do casco antigo convértense nun gran mercado ao ar libre, con postos de viandas e de produtos artesanais, e a única música que se escoita é medieval e en vivo. Polas rúas pasean nobres, cabaleiros, mercadores, artesáns, campesiños e criadas, nunha auténtica e unificada recreación do ambiente do pasado, cos toldos de lona de cor granate, e os postos respectuosos coa estética medieval, tanto nos seus materiais como no seu deseño. Nas prazas, algúns artesáns fan demostracións ao vivo do seu oficio; os trobadores recitan romances e cantigas; cabaleiros e escudeiros fan demostracións de cetraría; cómicos e malabaristas representan os seus espectáculos… Non falta tampouco a escenificación, na praia, dunha loita de cabaleiros polo amor dunha princesa, que pon o broche de ouro a unha das mellores festas históricas que se celebran en Galicia.

Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

Festa do San Martiño
9 de novembro a 11 de novembro
Moaña (San Martiño)
Festa do Magosto
11 de novembro
Ourense
Festa de fin de ano
31 de decembro
Praza do Obradoiro