Evento: Programa ‘21 días co galego e +’ para fomentar o uso da lingua
Programa ‘21 días co galego e +’ para fomentar o uso da lingua
'21 Días co galego e +' é un programa promovido pola Xunta de Galicia baseado nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, unha experiencia que se desenvolveu hai uns anos no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso pasado, o Goberno galego asumiu como propio para facelo extensivo a outros catro centros, un por provincia. Participaron na primeira edición un total de 95 docentes e de 1316 alumnas e alumnos de 12 a 18 anos. A iniciativa recibiu o Premio da Cultura Galega 2019 na modalidade de Lingua da Consellería de Cultura e Turismo, que precisamente mañá se entregarán nun acto en Vigo.
En 2020, o programa continúa a súa expansión coa participación de 10 centros e 3877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos da ESO, de bacharelato e de FP, que se comprometen a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, un total de 504 horas ininterrumpidas en galego desde o 13 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2020, dentro e fóra do centro de ensino. Así mesmo, tamén participan de forma directa 305 profesoras e profesores e 60 membros do persoal de administración e servizos.
Os centros participantes son o IES As Lagoas (Ourense), IES Afonso X O Sabio (Cambre), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña), IES Illa de Ons (Bueu), IES de Poio e IES de Vilalonga (Sanxenxo).