Evento: Espazos Sonoros 2019: concerto Michael Schöch
Espazos Sonoros 2019: concerto Michael Schöch
En horario de mañá, e vinculado a este concerto, desenvolveremos a actividade "Coñece o teu patrimonio: roldas pola paisaxe organística galega". Partiremos ás 10.00h (hora portuguesa, 11.00h en Galicia) e é necesario inscribirse. O prazo estará aberto entre o 31 de agosto e o 11 de setembro no email actividades@espazossonoros.org.
Pianista e organista, o austríaco Michael Schöch é un dos poucos músicos que domina por igual a arte da interpretación dos repertorios pertencentes a ambos os dous instrumentos. Desde que gañou con 26 anos, en 2011, o primeiro premio do concurso da televisión alemá, a ARD, na categoría de órgano, comezou unha imparable carreira que o levaría polas máis importantes salas de concerto e catedrais europeas. Ao tempo, colabora habitualmente como solista con formacións do talle da Symphonieorchester da Bayerische Rundfunk, a Deutsche Symphonie-Orchester Berlin, a Staatsorchester Kassel ou a Tiroler Symphonieorchester Innsbruck, participa en importantes gravacións discográficas e, desde 2015, é profesor titular de órgano do conservatorio da cidade austríaca de Innsbruck.
Neste o seu primeiro concerto na Península, Schöch interpretará un variado programa de música con obras de Cabezón, Cabanilles, Pachelbel ou Bach, entre outros. Un programa especialmente adaptado ás características do órgano histórico da Catedral de Tui, reconstruído nos anos noventa polo organeiro Grenzing. Será a estación final dentro dunha xornada que nos levará a visitar órganos na zona fronteiriza con Portugal (ver programa) e a seguir as pegadas da organería galega no país veciño.
Coñece máis sobre a Catedral de Tui nesta ligazón.