Evento: Pardines. Cando ETA empezou a matar
Pardines. Cando ETA empezou a matar
O 7 de xuño de 2018 cúmprense 50 anos do asasinato do garda civil José Antonio Pardines Arcay, primeira vítima da banda terrorista ETA, na localidade guispuscoana de Aduna. O axente tiña 25 anos e era orixinario de Malpica de Bergantiños, onde está soterrado.
Con motivo deste aniversario, a Fundación Centro para la Memoria de las Víctimas del Terrorismo (FCMVT), adscrita ao Ministerio del Interior, en colaboración coa Xunta de Galicia, pon en marcha en Galicia diversas iniciativas en recordo da memoria de Pardines e para que sirvan de reflexión sobre o a actividade criminal de ETA. Entre as iniciativas impulsadas arredor deste aniversario inclúese a publicación do libro Pardines. Cando ETA empezou a matar.
O libro convida, a partir da exposición de feitos e testemuñas, á análise e reflexión ao redor da historia terrorista durante un período de máis de 40 anos: desde 1968, data do primeiro atentado, ata o anuncio do cese definitivo da actividade armada, no ano 2011.
O volume, que ofrece unha compilación bibliográfica coa que tamén se pretende facer fincapé no valor da paz e da convivencia no seo da sociedade, conta cun prólogo do autor de Patria, Fernando Aramburu, e con introdución a cargo de Florencio Domínguez Iribarren, director do Centro para la Memoria das Víctimas do Terrorismo. Este último é o coordinador da obra, xunto con Gaizka Fernández Soldevilla.
O libro está distribuído en 10 capítulos, realizados por 12 destacados especialistas no ámbito do terrorismo: Juan Avilés Farré, Santiago de Pablo, Gaizka Fernández Soldevilla, Raúl López Romo, Juan Antonio Pérez Pérez, Javier Gómez Calvo, Jesús Casquete, Óscar Jaime Jiménez, Roscesvalles Labiano JuanGarcía, Javier Marrodán Ciordia, María Jiménez Ramos e José María Ruiz Soroa.