Evento: Revenidas 2016

Revenidas 2016
venres, 19 agosto, 2016 a domingo, 21 agosto, 2016
Porto Vilaxoán de Arousa,
Vilagarcía de Arousa

Revenidas 2016

Festival internacional que reforza nesta edición a súa aposta pola mestizaxe cultural

O Festival Revenidas de Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa, comezou no 2003 da man dunha asociación de rapaces de Vilaxoán que querían facer algunha actividade cultural no seu pobo. Tras o bo resultado desta pequena iniciativa que acadou o aplauso de gran parte dos veciños e veciñas da vila, decidiuse que para que o festival tivese continuidade facía falta constituír unha asociación. Así xurdiu a Asociación Repichoca, que se fai cargo desta iniciativa cultural dende a primeira edición no 2004 ata o ano 2013 colocando a Revenidas e a Vilaxoán no mapa dos mellores festivais do verán en Galicia.

O encontro reforza a súa aposta pola mestizaxe a través dunha oferta internacional de máis de 30 concertos e 35 actividades culturais e recreativas para todos os públicos.

Co sobrenome de O Festival das Linguas, o encontro contará con dous escenarios nos que soarán, entre outros, os ritmos balcánicos da banda romanesa Fanfare Ciocarlia, unha das pioneiras e máis recoñecidas no seu estilo; o rapeiro brasileiro Gabriel O Pensador, toda unha institución musical no seu país; o ska festeiro do grupo italiano Talco; o rock reivindicativo dos valencianos La Raíz; e os temas contundentes de Russkaja, a banda austríaca de maior repercusión internacional. Haberá tamén unha destacada representación galega, con nomes como Malandrómeda, Familia Caamagno, Poetarras, O Sonoro Maxín ou Cuchufellos.

O festival volverá desenvolverse arredor de dúas localizacións principais: o recinto pechado onde se instalarán os escenarios Mahou e Turismo Rías Baixas para acoller os concertos de pago; e o parque Dona Concha, no porto de Vilaxoán, onde terá lugar a meirande parte das actividades de balde para todos os públicos. Entre estas últimas, destaca a Sardiñada Popular, o Xoubiñas Festi para os máis pequenos, a Gala Solidaria do Circo, a feira de artesanía, intervencións artísticas para conmemoras o Ano Castelao, ou actividades en embarcacións co obxectivo de difundir o patrimonio cultural mariñeiro.

Venda de entradas e acampada
Os bonos de tres días para o Revenidas 2016 están xa á venda en liña, a través do web www.ticketea.com, e fisicamente nos establecementos asociados. Por outra banda, a organización habilitará varias zonas de acampada libre para as persoas que dispoñan destes bonos. 

Máis eventos de tipo Festival

Barbeira Season Fest 2023
7 de xuño a 11 de xuño
Varios espazos