Evento: PLANOS DE GRAVIDADE E LUZ. PROPOSTA ITINERANTE. Espectáculo de danza
PLANOS DE GRAVIDADE E LUZ. PROPOSTA ITINERANTE. Espectáculo de danza
Esta proposta xorde no contexto das investigacións realizadas durante dous meses no CGAC no marco do laboratorio de danza, arquitectura e espazo público Corpo, cidade, presenza, dirixido por Paula Quintas.
O programa explora as relacións fenomenolóxicas entre o corpo humano, a luz e a arquitectura de Álvaro Siza Vieira. Tomando como único escenario o gran espazo de tripla altura do hall, a peza configúrase como un ensaio sobre a percepción do espazo.
Partimos da idea de que a arquitectura non se experimenta unicamente de maneira visual, senón a través dunha relación física e sensorial co corpo. O movemento, a pausa e a posición que adoptamos convértense en ferramentas para comprendermos a escala, a proporción e a profundidade do espazo. Neste contexto, o hall concíbese como un escenario perceptivo onde a verticalidade e a amplitude arquitectónica establecen un diálogo entre a escala humana e a monumentalidade do edificio.
A luz actúa como materia inmaterial capaz de transformar a percepción dos volumes, revelar texturas e establecer relacións cambiantes entre as superficies. A súa incidencia introduce unha dimensión temporal que permite experimentar a arquitectura como unha realidade dinámica, suxeita ás variacións ambientais e á presenza de quen a observa.
A intervención propón unha aproximación contida á linguaxe arquitectónica de Siza, evitando competir coa súa configuración formal. Mediante unha acción mínima e unha selección consciente dos materiais, búscase activar as calidades do espazo sen alterar a súa esencia.
Deste xeito, a peza sitúase entre a escultura, a instalación e a investigación arquitectónica, entendendo a intervención como un dispositivo de atención que nos convida a redescubrir o espazo a través da experiencia corporal e sensorial.
PAULA QUINTAS (Ourense, 1983) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural. Ten un mestrado en artes escénicas pola Universidad Rey Juan Carlos e investiga os límites e as confluencias das artes corporais no marco do Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da Universidade de Vigo.

