Evento: Ruxe Ruxe + The Eskarallas
Ruxe Ruxe + The Eskarallas
Ruxe Ruxe celebra en 2027 os seus trinta anos de traxectoria cunha nova xira e a publicación de Plum!, o seu novo traballo discográfico. A banda de Aríns conmemora tres décadas de rock en galego cun disco de doce cancións inéditas, gravado en Euskadi baixo a produción de Kaki Arkarazo.
Plum! reúne boa parte das claves que marcaron a identidade de Ruxe Ruxe ao longo da súa carreira: potencia, melodías, existencialismo, realismo máxico, crítica social e retranca, cunha maneira propia de entender o rock feito desde Galiza e en galego.
Con dezaseis LPs, varios EPs, un documental e centos de concertos por Galicia, o resto do Estado e diferentes países europeos, Ruxe Ruxe chega aos trinta anos cunha traxectoria construída desde a independencia e o compromiso coa música e coa cultura galega.
Como banda convidada, The Eskarallas achegará ao concerto a súa combinación de punk, enerxía, rebeldía e retranca. O grupo continúa traballando no que será o seu segundo disco de estudo mentres leva aos escenarios unha proposta directa e contundente.



