Evento: Visións do mundo: o turismo literario fronte a guía de viaxe
Visións do mundo: o turismo literario fronte a guía de viaxe
Di Suárez Japón, catedrático de Xeografía Humana da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, que existe unha modalidade de literatura de viaxes ben diferenciada que é un xénero en si mesmo. “Son libros escritos coa intención de dar a coñecer novos territorios e culturas, a través da descrición, real ou imaxinada, das vivencias dun viaxeiro en terra estraña”. Aceptamos entón que a lectura de textos literarios é unha vía posible de coñecemento xeográfico dentro do ámbito do subxectivo e da actividade creativa que supón a propia literatura en si.
Seguindo esta tese, podemos tamén aceptar que existen novelas nas que o xeográfico, a cidade, rexión, ou o país, non é só un pano de fondo, senón un personaxe máis da novela, co seu rol, a súa complexidade e o seu contexto.
Por todo isto cremos que obras como as de Patrick Leigh Fermor nas que o autor e historiador británico conta o seu periplo iniciático cara a vida adulta nunha viaxe camiñando a través de Europa, ou a descrición dos paseos por Roma de Stendhal, poden ir da man de novelas que conteñen cidades enteiras nas que mergullarse, como a Lisboa de Afirma Pereira de Tabucchi ou o Ourense de A esmorga de Blanco Amor.
Con estes dous xéneros, propoñémosvos unha selección de obras, tanto novelas como libros de viaxes, que poden ser un xeito de explorar un destino a través dos ollos de diferentes autores e autoras, e nas que atopamos non só unha descrición xeográfica, senón tamén o ambiente e a alma dun lugar. Obras que nos permitirán un turismo literario incluso sen saír da casa.
Mostra bibliográfica no andar baixo.



