Evento: Real Filharmonía de Galicia – Les Boréades: A forza do vento
Real Filharmonía de Galicia – Les Boréades: A forza do vento
A Real Filharmonía de Galicia presenta unha selección de Les Boréades, a última ópera de Jean-Philippe Rameau, unha obra fascinante que combina mitoloxía, paixón e misterio nun dos cumios do barroco francés. Baixo a dirección de Camille Delaforge e coa participación do tenor Cyrille Dubois, o concerto recupera unha partitura que permaneceu envolta en incógnitas durante máis de dous séculos.
Contemporáneo de Bach e Haendel, Rameau revolucionou a ópera francesa cunha concepción innovadora do drama musical e unha extraordinaria riqueza harmónica e orquestral. Composta ao final da súa vida, Les Boréades representa a culminación da súa traxectoria escénica e unha síntese da súa imaxinación creativa.
Inspirada na lenda de Abaris o Hiperbóreo, a obra desenvolve unha trama marcada polo amor, o destino e a loita contra as imposicións do poder. Ensaiada na Ópera de París en 1763, nunca chegou a estrearse na época do compositor. As circunstancias que impediron a súa representación continúan sendo motivo de debate, contribuíndo a alimentar a aura de misterio que rodea esta obra excepcional.
Unha oportunidade para descubrir a forza expresiva, a elegancia e a modernidade dunha das grandes creacións do repertorio barroco europeo.
XOV 1 ABR (15 €) Auditorio de Galicia, 20.00 h CONVERSANDO CON… Camille Delaforge (Sala Mozart, 19.15 h)
Máis eventos de tipo Concerto



