Evento: Real Filharmonía de Galicia – Cineuropa: The General (O maquinista da Xeneral)
Real Filharmonía de Galicia – Cineuropa: The General (O maquinista da Xeneral)
A Real Filharmonía de Galicia volve a colaborar con Cineuropa nunha das súas citas máis singulares e esperadas: a proxección de cinema mudo con música interpretada en directo. Un encontro no que a imaxe e o son se entrelazan para recuperar a experiencia orixinal do cinema das primeiras décadas do século XX, cando a música era parte esencial da narración e da emoción fílmica.
Nesta ocasión proxéctase The General (1926), de Buster Keaton e Clyde Bruckman, unha das grandes obras mestras da comedia muda. A banda sonora será interpretada pola Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Timothy Brock, autor da música composta en 2005 para esta película. Brock recrea o universo musical da época a partir de himnos, foxtrots e valses, construíndo unha partitura que potencia o humor, a tensión e o ritmo vertixinoso das célebres persecucións ferroviarias do filme. O resultado é unha viaxe sonora que devolve autenticidade histórica á proxección, ao tempo que ofrece unha lectura contemporánea da obra de Keaton.
O concerto terá lugar o xoves 19 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia. Actividade incluída nos abonos A e B. Participación do estudantado da EAEM.



