Evento: BachCompostela-Ventos do Norte. Resonancias de Buxtehude e Böhm
BachCompostela-Ventos do Norte. Resonancias de Buxtehude e Böhm
A Catedral de Santiago de Compostela acolle BachCompostela, un proxecto excepcional que levará á interpretación íntegra da obra para órgano de Johann Sebastian Bach en 21 concertos, coincidindo co Ano Santo Compostelán 2027 e co 50 aniversario do órgano Mascioni da Catedral. Os concertos, interpretados polo organista Juan de la Rubia, celebraranse os segundos xoves de cada mes entre outubro de 2026 e decembro de 2028. Organista titular da Basílica da Sagrada Familia de Barcelona e recoñecido intérprete internacional, Juan de la Rubia é unha das grandes referencias actuais na interpretación da obra de Bach.
Ventos do Norte afonda nas influencias decisivas que compositores como Dieterich Buxtehude e Georg Böhm exerceron sobre o mozo Bach. O programa revela as pegadas da tradición organística do norte de Alemaña nun repertorio cheo de fantasía, liberdade formal e riqueza contrapuntística. Unha viaxe ás raíces dun estilo que marcaría para sempre a historia da música occidental.



