Evento: D'Est + Coloquio con Claire Atherton

D'Est + Coloquio con Claire Atherton
venres, 22 maio, 2026 - 19:00
Filmoteca de Galicia,
A Coruña

D'Est + Coloquio con Claire Atherton

Chantal Akerman, 1993

Desde finais do verán ata o inverno máis cru, Chantal Akerman percorre o leste, da Alemaña oriental a Moscova pasando por Polonia e os países bálticos. Pouco despois da desaparición do bloco soviético, Akerman filma “todo o que se transforma lentamente durante a viaxe: os rostros e as paisaxes. […] Todos eses países en plena mutación que viviron unha historia común despois da guerra, aínda marcados por esta historia ata os sucos mesmos da terra, e cuxos camiños agora diverxen. Gustaríame rexistrar os sons desta terra, que se oia o paso dunha lingua a outra coas súas diferenzas e as súas similitudes”.

 

Tras a proxección de D'Est, falaremos con Claire Atherton, montadora da película, estreita colaboradora de Chantal Akerman desde aquela e creadora de varias exposicións dedicadas á cineasta. Conversaremos sobre a súa concepción da montaxe e sobre os procesos de creación que compartiu con Akerman durante máis de vinte anos, a propósito dos que comentaba: “Chantal ten unha relación coa creación que é, ao tempo, extremadamente precisa e moi libre. Con ela aprendín a escoitar, a deixarme levar pola película que se estaba facendo, a comprender as cousas a medida que avanzaban. […] Ela non fala do que quere facer, nunca pecha as cousas. […] Organizamos, buscamos tensións, traballamos coas probas: a cor, a luz, o son, o choque dun raccord. A trama narrativa vén da materia. O sentido revélase ao mesmo tempo que se constrúe a película. […] Cando Chantal sentiu a necesidade de ir filmar ao leste, non era consciente do que buscaba. Pero a materia das imaxes que filmou interpelábanme. Púxenme a escoitar esta materia, sentín que a estaba esculpindo, modelándoa. Conforme traballabamos íanse desprendendo sensacións que interpelaban a outras sensacións. O medo, o frío, a espera, os rostros formaban un eco con outros rostros, outras esperas, outros medos".

Máis eventos de tipo Proxección audiovisual

Reflexos do amor escuro
15 de maio
Filmoteca de Galicia
La ruleta china
15 de maio
Filmoteca de Galicia
260516_cartel_proxeccion
Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe.
16 de maio
A Pobra de Navia (Concello)
Decorado
16 de maio
Filmoteca de Galicia