Evento: Retablo do Esperpento
Retablo do Esperpento
Nunha familia de meigas, unha moza resístese ás argucias da súa tía, que en conivencia coa nai, argalla para obter beneficio dos agasallos que un ricacho ofrece a cambio dos favores da virxe. Para reafirmarse na súa liberdade, a moza déixase facer as beiras por un humilde afiador, pero unha noite de luarada, servíndose dos seus poderes de meiga, adiviña como sería o seu futuro e decide facer un lixeiro cambio de plans no seu destino a través dunha ligazón. Isto é, dun pacto de sangue.
Noitebras Teatro adéntrase no universo de Valle-Inclán e adapta dúas das súas obras: “Ligazón” e “Rosa de Papel”, incluídas no “Retablo da Luxuria, a Avaricia e a Morte”, fundíndoas nunha única peza teatral: “Retablo do Esperpento”.
Valle-Inclán escribiu: “Quen sabe do pasado sabe do porvir”. E nós, atrevémonos a engadir: “As decisións do presente mudan o futuro”. Ou acaso somos incapaces de burlar o noso fado?



