Evento: Francisco Asorey, unha recuperación necesaria
Francisco Asorey, unha recuperación necesaria
É o último gran proxecto expositivo do ano na Cidade da Cultura. Unha mostra coa que afondar, desde unha ollada contemporánea, no complexo mundo estético do artista que soubo sintetizar as novas correntes escultóricas europeas coa raíz galega.
 A exposición aborda, desde unha óptica contemporánea, o complexo mundo creativo do artista de Cambados, figura imprescindible na historia da arte galega e un dos renovadores da escultura española do século XX.
Comisariada por Miguel Fernández-Cid e coordinada por Carmen Asorey, neta do artista e figura esencial na reivindicación da súa obra e vida, a mostra reúne unha selección das obras máis importantes do escultor. Desde as pezas iniciais nas que podemos apreciar as súas primeiras eleccións estéticas, ata as esculturas en madeira nas que desenvolve unha iconografía de claras raíces populares e un tratamento singular da policromía, así como tamén a súa obra monumental, presente en toda a xeografía galega. Un conxunto formado por esculturas, escaiolas, debuxos, audiovisuais, documentos da época e ferramentas de traballo, ademais das cerámicas coas que se popularizaron algunhas das súas obras máis significativas, para contextualizar e dar a coñecer da maneira máis completa a relevancia artística e histórica de Asorey.
 
 
  


