Evento: Tú me abrasas
Tú me abrasas
Matías Piñeiro, logo de acometer 7 adaptacións de Shakespeare na súa carreira, lánzase en Tú me abrasas a trasladar en imaxes e sons un capítulo dos Diálogos con Leucó de Cesare Pavese: Espuma de mar. Nese breve texto a poeta grega Safo mantén unha conversa coa ninfa Britomartis. O desexo de morte da intelectual helena, que a leva a botarse ao mar, resoa no propio suicidio do escritor italiano nun hotel de Turín. A lírica de Safo, tal como a coñecemos nos nosos días, resulta fragmentaria, pois non lograron atoparse manuscritos completos da súa obra. Evidenciando estes ocos na montaxe, con saltos narrativos, digresións, repeticións de patróns –plano como palabra, secuencia de planos como frase–, e adaptando tamén os pés de páxina de Leucó, posiblemente o libro máis complexo de Pavese, Piñeiro propón un expansivo xogo metalingüístico que indaga nas posibilidades do cine para adaptar un ensaio literario con ferramentas netamente fílmicas.
Proxéctase xunto coa curtametraxe de Matías PIñeiro 'Prefacio para el Dialoguito'.
Máis eventos do ciclo Close-up: Cine e perspectiva de xénero

