Evento: PRÓXIMA PARADAAAA! MARROCOS. TALLERES PARA FAMILIAS

PRÓXIMA PARADAAAA! MARROCOS. TALLERES PARA FAMILIAS
sábado, 21 xaneiro, 2023 a domingo, 21 maio, 2023
Centro Galego de Arte Contemporánea,
Santiago de Compostela

PRÓXIMA PARADAAAA! MARROCOS. TALLERES PARA FAMILIAS

PRÓXIMA PARADAAAA! MARROCOS. TALLERES PARA FAMILIAS

21 xaneiro 2023 - 21 maio 2023

Sábados e domingos de 11:00 a 13:00 h

 

Volven os Talleres para familias!, unha actividade dirixida a familias con nenos e nenas de entre 4 e 9 anos que queiran descubrir o amplo universo da arte contemporánea ou profundar no seu coñecemento.

Este ano cambiamos de continente para viaxar ata o norte de África. Descubriremos a maxia, as cores e as historias que conteñen as obras de arte realizadas por creadores e creadoras contemporáneas de Marrocos, un país moi próximo e, porén, moi descoñecido. Mergullarémonos na súas culturas e paisaxes, nas tradicións máis antigas e na súa realidade cotiá. Farémolo levantando pontes cara a novos mundos, construíndo cidades, creando coa luz e coas formas dos lugares que habitamos.

 

FORMAS, CORES E NATUREZA. MALIKA AGUEZNAY

Sábado, 21 de xaneiro. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 22 de xaneiro. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 10 ao 19 de xaneiro

A Malika Agueznay fascínana a natureza, as paisaxes e formas vexetais que a rodean. En concreto, a flora mariña é unha continua fonte de inspiración para as súas pinturas. Como unha exploradora das plantas e dos seres microscópicos que habitan o mundo acuático, vai creando siluetas e compoñendo figuras que derivan en coloridas obras abstractas. Partindo dos elementos que atopamos na natureza, crearemos composicións e descubriremos seres microscópicos. Deixarémonos levar pola forza da cor e experimentaremos cos máis diversos materiais.

 

LUCES E ACCIÓN! YOUNES RAHMOUN

Sábado, 18 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 19 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 7 ao 16 de febreiro

O traballo de Younes Rahmoun xira arredor da cultura do seu país e das historias que lle acontecen e que recompila e transforma en curiosas obras de arte. Usa diferentes soportes e ferramentas de creación como o debuxo, as novas tecnoloxías e a experimentación coa luz. Neste taller construiremos espazos lumínicos, inspirarémonos nas estrelas e descubriremos o poder das sombras para crear construcións. Ademais, usaremos o corpo como material de creación.

 

UNHA VIAXE NO TEMPO. SARA OUHADDOU

Sábado, 11 de marzo. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 12 de marzo. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 29 de febreiro ao 9 de marzo

Sara Ouhaddou coñece moi ben a cultura do seu país e a importancia da tradición artesanal. Recollendo as formas máis antigas da arte marroquí, expresa a través do deseño e a creación un novo modo de defendela. Moitas veces son as letras, o alfabeto árabe, o que a inspira para dar a coñecer a súa historia. Anímaste viaxar entre os símbolos, a caligrafía e a artesanía árabes? Faremos coloridas colaxes onde fusionaremos culturas, buscaremos tesouros para contar historias con obxectos atopados como os arqueólogos nas súas expedicións e descubriremos os segredos do alfabeto árabe empregando os nosos corpos e a nosa imaxinación.

 

NOVOS MUNDOS. YTO BARRADA

Sábado, 15 de abril. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 16 de abril. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 4 ao 13 de abril

Yto Barrada fai fotografía, pintura, vídeo e esculturas. Nas súas obras crúzanse dous mundos: a tradición marroquí e a modernidade. Interésase polas estruturas das cidades, da sociedade, das fronteiras... A través do seu traballo, faremos un novo mapa do mundo, coñeceremos antigos xoguetes e exploraremos as técnicas de tinguidura con elementos naturais. Unha ponte entre a arte contemporánea e os saberes populares.

 

EN DOURADO. HASSAN DARSI

Sábado, 20 de maio. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 21 de maio. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 9 ao 18 de maio

Hassan Darsi pensa que a arte pode axudar a cambiar o mundo e a desenvolver a cultura dun país. O seu traballo está influenciado pola súa vida e a súa contorna. Por iso, moitas veces propón novas formas de construción para facer das rúas e edificios lugares para o benestar da xente. Encántalle colaborar con diferentes persoas para facer as súas obras e transformar obxectos cotiáns en algo divertido e diferente. A cor dourada é unha das súas favoritas: emprégaa en esculturas, pinturas e instalacións. Queres descubrir por que? Acompáñanos neste taller no que crearemos paisaxes de ouro e deseñaremos os nosos espazos ideais.

 

INSCRICIÓN

Os talleres son de balde e para participar é necesario enviar, dentro dos prazos establecidos, unha mensaxe por correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. A mensaxe deberá incluír o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes dos participantes, as súas idades, un teléfono e un enderezo electrónico de contacto.

Só serán admitidas as solicitudes daquelas persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.

PRAZAS: 10 menores, acompañados cada un por un máximo de 2 familiares en cada taller

DIRECCIÓN: Sara Donoso

COORDINACIÓN: Virginia Villar

Máis eventos de tipo Obradoiro

Iniciación á escritura creativa
15 de xaneiro a 25 de xuño
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
Lemos en galego
10 de maio
Biblioteca Pública de Ourense
Sen cantareiras non hai foliada
12 de maio
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Contos para arrollar un enxame
20 de maio
Avenida do Burgo das Nacións